Tristán García; Álvaro Cunqueiro
27.03.2020
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000330-770bd770c0/alvaro_Cunqueiro.jpg?ph=dbedcd692c)
Tristán García
Este Tristán do que conto nunca soubo por qué lle puxeran ese nome no sacramento do bautismo, nin coñecía a ninguén que se chamase coma el.
Un tío seu que traballaba como camareiro nun restaurante moi famoso de Lisboa, dicíalle que en Portugal coñecía a dous ou tres cabaleiros dese nome, e que todos eles eran moi ricos. Tristán foi cumprir o servizo militar a León, e alí un día, nun quiosco, mercou por dous reás "La verdadera historia de los amantes Tristán e Isolda", cos namorados moi abrazados na portada do folletín. Ao fin ía saber quén fora aquel Tristán cuxo nome levaba. Cando chegou ao final da historia, coa morte de ambos namorados, Tristán García verteu unhas bágoas. E dende aquela deu en matinar que andando el polo mundo atopaba a unha muller chamada Isolda, e gustábanse, e facíanse noivos, e casaban, e vivían moi felices en Viana do Bolo, de onde Tristán era natural A todos os seus compañeiros do Rexemento de Burgos 38, preguntáballes se por un casual habería no seu pobo unha rapaza que se chamase Isolda. Nona había. Había algunha Isolina solta, pro Isolina non era o mesmo que Isolda. Tristán doíase de non dar con esa Isolda, porque se non a atopaba agora en León, onda había tanta familia, nona ía atopar en Viana do Bolo, traballando na terra. Un día mandouno chamar un sarxento chamado Recuero.
-Ti es ese que andas coa teima de atopar unha muller que se chame Isolda?
-Si señor.
-Pois en Venta de Baños hai unha viúda con ese nome.
-Nova ou vella?
-Qué sei eu! Coido que é churreira.
Tanto tiña metido no seu maxín o noso Tristán a novela famosa, que non puido dubidar de que aquela Isolda de Venta de Baños fose nova e fermosa. En todo caso, se era vella, tería unha filla ou unha sobriña que seguise no nome, e si era churreira como ela podía seguir co negocio en Ourense ou en Viana, onde xa era hora que deran nos bares chocolate con churros. Tivo Tristán un permiso, e cos vinte pesos que tiña aforrados tomou en León o tren para Venta de Baños. Xa naquel empalme preguntou pola churrería da Isolda. Estaba a churrería preto da estación. E a señora Isolda era aquela que estaba envolvéndolle uns churros a un señor cura. Era unha velliña de cabelo branco, fermosos ollos negros, a pel tersa, as mans moi graciosas pondo os churros no papel de estraza e esparexendo o azucre por derriba deles. Tristán dubidou entre falarlle ou non, pero xa levaba gastadas corenta e sete pesetas no billete de ida e volta.
-Bo día! Vostede é a señora Isolda?
-Servidora!, respondeulle a velliña, sorríndolle.
-É que eu son Tristán e viña a coñecela!
A velliña pechou os ollos, e agarrouse ao mostrador para non caer. Bágoas rodaban polas súas meixelas.
-Tristán! Tristán querido!, puido dicir ao fin. Toda a miña mocidade agardando a coñecer un mozo que se chamase Tristán! E como non viña, casei cun tal Ismael, que era de Madrid!
Tristán saudou militarmente, e despacio volveuse á estación a agardar o primeiro tren para León. Cando este chegou e Tristán subía ao vagón de terceira, apareceu a señora Isolda, con un paquete de churros. Doullo a Tristán e bicoulle a man. Non se dixeron nada.
Cousas así soio pasan nos grandes amores.
Os outros feirantes (1979), Álvaro Cunqueiro