Ten Galicia un idioma propio? Castelao

¿Ten Galiza un idioma proprio?
Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo d-unha cultura moderna e co que ainda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas.
O galego foi instrumento maravilloso da grande e única poesía lírica de Hispania e n-el escrebían os enxeños peninsuares -tanto de dentro como de fora de Galiza-, cando a língoa de Castela non tiña categoría literaria. O galego é un idioma estenso e útil, porque -con pequenas variantes- fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas. O galego rexurdeu no século pasado con poetas tan esgrevios como Rosalía, Curros e Pondal. O noso idioma ten tal fremosura que un poeta andaluz como García Lorca -o poeta mártir- non foi quén de resistir o seu engado e compuxo poemas en galego. O galego -somentes refugado pol-os señoritos ou por traballadores que quixeran ser señoritos- é hoxe o idioma que prefiren os inteleituaes como vehículo da nosa cultura; pero ainda que carecerá de tantos méritos contraídos, abondaríalle ser a fala do povo traballador para estar dignificado de por sí, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cibdadanía e democracia. Non esquezamos que si ainda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
A esta fala popular, viva e gloriosa, os imperialistas chámanlle dialecto. Mais eu perguntaríalles: "¿Dialecto de que idioma?". "¿Do que vós chamades español?". De ningunha maneira, porque o idioma que vós impuxéchedes pol-a forza é un irmán menor do galego. "¿Acaso queredes decir que é dialecto do latín?". Pois entón chamádelle dialecto ao francés, ao italiano, ao rumano, porque tamén son fillos do latín e irmáns do galego.
E diríalles máis: Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espirito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Espulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o povo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xusticia e chegáchedes a castelanizar bárbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vós valeu? Porque dispois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.
Algúns galegos de boa fé coidan que o cultivo do noso idioma é unha impedimenta de traballo na emigración. Mais eu quero invítalos a meditar: ¿Pensades que a nosa Terra pode seguir sendo un criadeiro de carne human, para enviar as Américas en paquetes teutóns? Porque o noso deber está en asegurar o dereito ao traballo remunerado, para que ningún irmán noso emigre por necesidade.
¿Pensades que os galegos poden seguir andando pol-o mundo a ofereceren indignamente a mercancía dos seus lombos e dos seus brazos? Porque o noso deber está en armar ao povo d-unha instrución primaria, profesional e téinica, que lle permita ser digno en todas partes, i en todas partes atopar as ventaxas que se lle oferecen a un inglés, a un alemán... ¿Ou é que na emigración resulta superior un castelán a un galego por falar unha língoa máis estensa? A superioridade non está no idioma que se fala; está no que se sabe, no que se di e no que se fai. Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren d-un idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfeición babeando pol-a escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produz a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, co-a súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velahí vai a demostración: Un can de Turquía oubea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os probes animaes ainda están no idioma universal...
Un idioma non nasce pol-a vontade xenial d-un grupo de homes; nasce pol-a predisposición psicolóxica d-un povo, que, en condicións hestóricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de eispresión. Porque un idioma é o corpo sensible d-unha cultura, e todo atentado á língoa peculiar d-un povo representa un atentado á súa cultura peculiar. Máis os povos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por eso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden convertirse en parásitos da cultura dominante; pero endexamáis se deixan asimilar. O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de diñidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nos queremos mamar a cultura na propria teta. Pedimos garantías legaes para o desenrolo natural do noso esprito, porque queremos volver a
presentarnos diñamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espritual da Humanidade.
As numerosas caras do problema dan materia para un libro; pero co dito xa queda patente a coincidencia do galeguismo coas doutrinas máis prestixiosas e predominantes n-este punto concreto das nosas reivindicacións. Quero afirmar, tamén, que a ideoloxía liberal -defensora da diñidade dos homes e da autonomía moral dos povos- non pode refugar os nosos anceios de liberdade, afincados en principio de xusticia e de progreso.
(Afonso R. Castelao, Sempre en Galiza)