Sonetos; Modesto Fraga
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000533-9330293304/unnamed%20%286%29.jpg?ph=dbedcd692c)
NOITES DE SHEREZADE
Creme cando che digo: "o noso amor é un barco no devalo das mareas, o aroma que devén das nosas veas inzadas de salitre, no solpor".
Creme cando che digo con fervor en medio de arroaces e baleas a carón de corais, cunchas e areas "canto custa instalarse no amor!".
Quixera ser Simbad, aquel mariño intrépido das mil e unha noites, viaxar contigo alén da eternidade;
quixera camiñar sen que me escoites, soñar que un día fuches Sherezade e o noso amor un cálido aloumiño.
PEXEGUEIROS EN FLOR
No tempo dos aromas matutinos por mananciais e ríos fun buscarte percorrín mar e terra ata encontrarte entre salgueiros e vizosos pinos.
Pexegueiros en flor, zumes salinos pétalos deliciosos, flor e arte, unha paisaxe enteira para amarte nesta nudez de cánticos divinos.
Caen lentas as follas. Sabe a outono a seca frouma, cálida ambrosía dos corpos que se anhelan vivamente.
Non quero despertar, prefiro o sono a deliciosa chuvia fuxidía que esvara dos teus seos, paixón ardente.
SE ALGÚN DÍA
Se algún día nos faltan as palabras que falen os silencios e os sentidos, as paredes da casa, a vella lámpada o vetusto almanaque ou esas fotos
tinguidas de inocencia en branco e negro, como aquela canción das nosas vidas que sabiamos case de memoria, de Pablo Milanés, lembras amor?
Se algún día nos faltan as palabras deixemos que nos falen os murmurios, os cantos dos paxaros, a chorima,
o mar, o vento, o río, aquelas cousas que sempre compartimos, o que queda se algún día nos faltan as palabras.
ADAGIO DE OUTONO
Eu quédome contigo, co teu sono, coa partitura alegre que mereces porque despois de todo permaneces en medio deste adagio neste outono.
Eu quédome contigo e reflexiono nas horas compartidas nas que ás veces sinto que te me vas cando apareces nas notas musicais das que son dono.
Eu quédome contigo, co teu canto, coa melódica voz que se derrama e intúo vir, pois sempre vai comigo
como esa tenue luz que adoro tanto; canda a última canción do pentagrama sempre e despois, eu quédome contigo.
(Do Mar salgado)
Agora que estás lonxe, amada ausente, renuncio á potestade do meu verso, absorto agardo no silencio inmerso como o mencer agarda o novo abrente.
E cando evoco a túa pel inxente limada co fervor perseverante indaga o meu pensar no teu semblante para afundirse nel eternamente.
Ou cando os días sen amor fermoso resignado entre as sabas desta estancia ausente amada, amarte é o que reclamo:
Moitas son as noites nas que amoso ollándote nos metros da distancia renuncias a saber por que te amo.
PROMONTORIO NERIO Que cedo fica a noite e que serodia a aurora! que fúlxido presente perturba o teu legado: espida, no baixío, na pel do acantilado agardas inherente o beixo fiel de ardora.
E nada te detén, acaso, ardora, ardora a penas un recordo, un silencioso fado, que nace como a cinsa da terra e do pasado; preludio de silencio, ausencias e demora.
E nin sequera o vento, a eito, repentino alenta vigoroso preto túa. A chuvia, a néboa, a brisa, o vendaval, a bruma.
Emerxes da venganza coa claridá da lúa para morrer impune no sangue doutra escuma que lenta prevalece absorta no seu destino.