Poesía necesaria

28.03.2020


Introdución (in)necesaria

A poesía vén perdendo cada vez máis espazo no mundo do ensino. O profesorado debe facer un esforzo extra para que isto non continúe xa que a lectura de poemas traerá consigo e de forma inmediata, ademais do goce persoal, novos termos e conceptos para escribir e expresarse mellor. As emocións están a flor de pel e debemos aprender a xestionalas e expresalas; aí a poesía xoga un papel fundamental. Escribimos o que sentimos e lemos o que escribimos e así reflexionamos sobre o sentido e reconfortámonos con todo iso.

Realmente, a poesía posúe moitos valores, pero o principal é que enriquece a nosa visión do que percibimos. Non deixemos a poesía de lado, fomentemos a súa lectura, compartamos a súa experiencia, vivenciemos a súa estética, gocemos do seu contido...


Que é a poesía, cales son as súas características fundamentais?

A poesía fai que poidamos expresar con poucas palabras e ademais dun xeito que lle confira beleza formal, unha estética non exenta de contido, os sentimentos, as vivencias, as experiencias difíciles de describir.

Segundo a definición da Real Academia, a poesía é unha manifestación da beleza ou sentimento estético por medio da palabra en verso. A alma da poesía está baseada no sentimento de exaltación estética, xa sexa cara ás persoas, obxectos, paisaxes..., é dicir, cara a todo o que existe tanto no ámbito obxectivo como no subxectivo.

As partes da poesía son: o verso, que pode ser unha palabra ou liñas de palabras; a estrofa, que é o conxunto de todos os versos, e o poema, que é a unidade maior con sentido completo.

A través da poesía, a autora, o autor transmite un determinado estado de ánimo, é dicir, a poesía caracterízase pola introspección e a expresión dos sentimentos.

Un poema non narra unha historia propiamente dita, nel non se desenvolve unha acción, senón que o poeta expresa, de maneira inmediata e directa, unha emoción determinada.

A poesía esíxelle un esforzo de interpretación ao lector, que debe estar, cando menos, algo habituado a esta forma de expresión literaria.

Adoita haber unha grande acumulación de imaxes e elementos con valor simbólico.

A meirande parte dos poemas caracterízanse pola súa brevidade; non é frecuente que sobrepasen os cen versos.

Un poema é a expresión directa do sentimento do poeta ao lector, isto é, debe ser considerado una especie de confidencia feita a soas.

A poesía, ao ser eminentemente subxectiva e estar expresada, con grande frecuencia, en primeira persoa, convértese así, nun relato autobiográfico, aínda que non debemos confundir o eu poético co autor que hai detrás, xa que pode estar expresando sentimentos que non sente en realidade, co que o poema non sería máis que un exercicio estético.

Forma ou expresión

A maneira en que se manifesta o texto, isto é, como se di o que se di ou o que se quere dicir.

A nivel gráfico o característico é a disposición en verso. Aínda que tamén se pode organizar o texto en forma de debuxo (tipograma, mediante caracteres de imprenta, ou caligrama, mediante caracteres escritos á man). A disposición acróstica é aquela na que as letras inicias compoñen una palabra ou frase ao ser lidas verticalmente. A disposición en palíndromo é o conxunto de letras que pode ser lido igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda.

O nivel fónico comprende os fenómenos perceptibles a través do son:

Onomatopea: Imitación fónica de sons reais.

Aliteración: Repetición dun ou varios fonemas.

Paronomasia: Colocación próxima de dúas palabras fonicamente semellantes.

Métrica: O número de sílabas fonolóxicas pode verse alterado polos seguintes fenómenos métricos: Final esdrúxulo, cando o verso remata en palabra esdrúxula compútase unha sílaba menos. Final agudo, cando o verso remata en palabra aguda, compútase unha sílaba máis. Sinalefa: Cando o remate dunha palabra e o comezo da seguinte son vocálicos, compútanse como unha soa sílaba. Hiato: Cando no mesmo caso anterior se computan dúas sílabas. Sinérese: Cando nunha palabra dúas vogais fortes -a,e,o- se pronuncian ditongadas compútanse como unha soa sílaba. Diérese: Cando dúas vogais ditongadas se pronuncian separadas compútanse como dúas sílabas. Aférese: Supresión dunha sílaba ao principio de palabra. Prótese: Adición dunha sílaba ao principio de palabra. Síncope: Supresión dunha sílaba no medio dunha palabra. Epéntese: Adición dunha sílaba no medio dunha palabra. Apócope: Supresión dunha sílaba á fin dunha palabra. Paragoxe: Adición dunha sílaba á fin de palabra.

Segundo o cómputo silábico os versos poden ser simples (cando non sobrepasan as once sílabas) ou compostos (cando sobrepasan as once sílabas, contando entón cunha cesura interna que os divide en dous hemistiquios: isostiquios se son iguais e heterostiquios se non o son). Á súa vez os versos simples poden ser de arte menor (cando non sobrepasan as oito sílabas) ou de arte maior (cando sobrepasan as oito sílabas).

Cada medida silábica proporciónalle un nome ao verso: bisílabo, trisílabo, tetrasílabo, pentasílabo, hexasílabo, heptasílabo, octosílabo, enneasílabo, decasílabo, hendecasílabo, dodecasílabo, tridecasílabo, alexandrino (14)...

Todo verso simple leva un acento estrófico ou de intensidade na penúltima sílaba e, sendo composto, na penúltima sílaba de cada hemistiquio. Dentro de cada verso, os acentos coincidentes co acento estrófico denomínanse rítmicos; os non coincidentes, extrarrítmicos, e os situados ao lado daquel, antirrítmicos.

A rima consiste na igualdade sónica de fonemas situados a partir da última vogal acentuada de cada verso. Polo seu timbre pode ser asonante (repítense as vogais) ou consonante (repítense as vogais e as consoantes). Pola súa disposición a rima pode ser continua (AAAA), xémea (AA,BB,CC), abrazada (ABBA), encadeada (ABAB).

A estrofa é o conxunto de versos unidos por ter en común un ritmo, un sistema de rima e un cómputo silábico fixos. Pode ser isométrica (cando todos os seus versos teñen o mesmo número de sílabas) ou heterométricas (cando non o teñen).

Pareado: (aa ou AA)

Terceto: (ABA BCB CDC...) rima variable

Tercerilla: (a-a) rima consonante

Soledad: (a-a) pero con rima asonante.

Cuarteto: (ABBA)

Sirventés: (ABAB)

Cuarteto-lira: Catro versos hendecasílabos e heptasílabos con rima e combinación variable.

Redondilla: (abba)

Cuarteta: (abab) rima consonante

Cuarteta asonantada ou tirana: (abab) rima asonante

Seguidilla simple: Catro versos de arte menor, dos que os impares son heptasílabos e os pares pentasílabos con rima asonante.

Caderna vía ou tetrástrofo monorrimo: Catro versos alexandrinos monorrimos (AAAA).

Quinteto: Cinco versos de arte maior.

Quintilla: Cinco versos de arte menor con rima variable.

Lira: Cinco versos, dos que o segundo e quinto son hendecasílabos e o resto heptasílabos: (aBabB)

Sexteto-lira: Tres heptasílabos e tres hendecasílabos alternados. (aBaBcC).

Sexta rima: Seis hendecasílabos, substituído ás veces un deles por un verso de arte menor: (ABABCC)

Sextilla: Seis versos de arte menor.

Sétima: Sete versos de arte maior.

Setina: Sete versos de arte menor.

Seguidilla composta ou con bordón: Sete versos, dos que o primeiro, terceiro e sexto son heptasilábos e o resto pentasílabos, con rima asonante.

Oitava real: Oito hendecasílabos. (ABABABCC)

Oitava italiana: Oito hendecasílabos, dos que o cuarto e o oitavo son agudos e, ás veces, heptasílabos. (ABBCDEEC)

Octavilla: Oito versos de arte menor, xeralmente octosílabos, con rima variable.

Octavilla italiana ou aguda: Oito versos de arte menor, dos que o cuarto e o oitavo son agudos.

Décima: Dez octosílabos. (abbaaccddc)

O poema é un conxunto completo de versos que estar constituídos en estrofas (poemas monoestróficos ou poliestróficos).

Glosa: texto breve comentado ou desenvolvido noutro máis extenso, que é denominado propiamente glosa, ás veces composta por tantas estrofas como versos ten o texto previo.

Soneto: Dous cuartetos ou sirventeses máis dous tercetos de versos xeralmente hendecasílabos e de rima consonante.

Soneto con estrambote: Soneto ao que se lle engade unha ou máis estrofas compostas xeralmente por un heptasílabo que rima co verso que lle precede e dous hendecasílabos que forman un pareado.

Sonetillo: Dúas estrofas de catro versos máis dúas de tres, todos de arte menor.

Romance: Serie ilimitada de versos octosílabos, con rima asonante nos pares.

Romancillo: Romance de versos con menos de oito sílabas.

Romance heroico: Romance de versos de arte maior.

Silva: Serie ilimitada de heptasílabos e hendecasílabos con rima consonante, na que ás veces se introducen versos soltos.

Poema de versos soltos ou brancos: Serie ilimitada de versos de igual medida, pero sen rima.

Poema de versos amétricos con rima: Serie ilimitada de versos sen metro, pero con rima.

Poema de versos libres: Serie ilimitada de versos sen metro e sen rima.

Algúns fenómenos gramaticais que se producen pola especial frecuencia, colocación ou relevancia no texto de elementos morfolóxicos e sintácticos son:

Elipse: supresión de elementos da frase sen impedimento da comprensión.

"Co luar escornado do San Martiño" (elídese o "tempo" ou o "mes" de San Martiño)

Amplificación: Desenvolvemento dun motivo cun máximo de palabras para alongar o texto. Pódese valer de calquera tipo de fenómeno producido por acumulación ou recorrencia.

Pleonasmo: Acumulación redundante de termos innecesarios para a comprensión denotativa.

Epíteto: pleonasmo consistente nun adxectivo cualificativo, xeralmente anteposto ao substantivo, que non modifica nin a extensión nin a comprensión deste.

Enumeración: Acumulación ordenada ou caótica de palabras sucesivas.

Circunloquio: Expresión por medio dun rodeo de algo que podería designarse máis directa e economicamente.

Epanalepse: Repetición dunha ou varias palabras en contacto.

Anadiplose: Repetición do final dun grupo de palabras ao principio do grupo seguinte.

Concatenación: Continuación progresiva da anadiplose.

Anáfora: Repetición dunha ou máis palabras no inicio de grupos de palabras que se suceden consecutiva ou moi proximamente.

Epífora: Repetición dunha ou máis palabras no final de grupos de palabras que se suceden.

Complexión: Anáfora e epífora simultánea.

Polisíndeto: Repetición de conxuncións.

Paralelismo: Estruturación de varios conxuntos seguindo o mesmo esquema gramatical de forma que os elementos equivalentes coincidan nos mesmos lugares das súas secuencias respectivas.

O Hipérbato consiste na alteración do ordenamento lóxico da frase.

Os tropos, que consisten no emprego dunha palabra en sentido distinto do habitual, soon:

A imaxe é a identificación entre elementos expresos que teñen algunha relación: "O poeta é un mestre sen lira."

A imaxe visionaria é a identificación entre elementos sen relación lóxica: "Unxe o moucho a esperma árdiga que alcende a dubidosa chama amarela do recordo."

A metáfora é a substitución dun elemento por outro co que se relaciona por semellanza: "Dime onde vas, miña cerva ferida."

Metonimia: Substitución dun elemento por outro co que se relaciona por contigüidade xeralmente causal: causa polo efecto, efecto pola causa, abstracto polo concreto, concreto polo abstracto, continente polo contido, instrumento por quen o usa, lugar por produto, materia polo obxecto, autor pola obra, físico polo espiritual, símbolo polo simbolizado, etc. : "Mozo, non traias viños tristes de Hungría. Quero Burdeos, gracia de Aquitania, quero Marsala ardente..."

Alegoría: Metáfora continuada: "Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras..."

Hipérbole: Esaxeración desmesurada: "Sinto no peito uns afogos que parece que mo morden sete ducias de cans dogos."

Prosopopea: Atribución de características propias de seres animados ou humanos a elementos que non o son: Hoxe casan os paxaros."

Símil: Comparación entre dous termos expresos: Unha canción tan lonxana e lene como a sombra do aire sobre a herba."

Paradoxo: Unión de ideas aparentemente opostas ou inconciliables: "e nais que non teñen fillos e fillos que non teñen pais."

Ironía: Dar a entender burlescamente o contrario do que se di: "Que sorte e que ledicia vivir neste mundo tan ben feito, tan xusto e tan feliz!"

O Sarcasmo sería a ironía cruel ou mordaz: "Viva a Santa Cruzada e viva a Cruz Gamada! Levarémo-la fe na punta da espada."


GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar