Poemas; Lino Braxe
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000531-424ca424cc/2017071323041571160.jpg?ph=dbedcd692c)
O BANQUETE
o
desemparado xace no gabinete do desastre
as criaturas obscenas excitan o líquido do fatal
hai quen chupa sen remédio endemoniados arrebatos
e a dama do diván é unha cinza imunda
lentamente o emperador invade un escenário
as medallas son lánguidas palideces e o sábio a tristeza que fica nunha póla suave e brillante
acenderemos a miséria coa florazón do alcool
un estúpido pianista deposita cravos na memória
arrecende o vómito poderoso do teatro en lábios refinados polo acougo e o insulto consternazón e triunfo da monstruosidade
resistir
padecer
colgar estandartes
exibir mortallas
espantados e invitos pola desolazón de Europa UN VAMPIRO PROFUNDO E PATÉTICO QUE SE OCULTA DO SOL
A COR DO CEU
escrevo un poema de adeuses desde a cabina do piloto
como o barón vermello precipíto-me nun picado sobre as augas
contemplo a morte do sol e o cráter desde o paracaídas
no centro da terra fulmio o rostro dos meus pais na noite de bodas
o candelabro no espello confírma-me que mudei de mundo
perdo o significado do verso e saúdo aos novos amigos rompendo a pena
o meu Focker incendiado agacha o segredo da ruína a ráfaga palpitante do vértigo a ilusión dunha amarga aventura