Poemas; Carlos Negro

Non teño ganas de ti
Fai favor, vai liscando.
Provócasme inapetencia.
Vas a saco pola vida,
con ese xeito de andar
que arrasa con todo,
hormonas, piercing
e camiseta axustada.
Mais cando falas,
convérteste en sapo,
reduces as palabras
a sílabas descosidas.
E a min, meu little boy,
ponme a mil esa boca
cunha curva tan suave,
mais non me abonda
se detrás deses labios
non ofreces máis nada
que tres ou catro frases
tan falsas como as pelis
de malotes supercachas
con bíceps de deseño
e lingua de estropallo.
CARLOS NEGRO, Penúltimas tendencias
5 razóns polas que cortaría contigo
Se me fechas portas que non existen.
Se me envolves en papel de agasallo.
Se me tocas como un mando a distancia.
Se me negas moito máis de tres veces.
Se me dis que son o aire que respiras.
Roedores de caucho
Chegan da noite queimando goma,
flipados de euforia e decibelios,
coa gasolina inxectada en vea.
Logo, malotes de discoteca,
descenden do carro maqueado,
co seu toque bakala na fala,
arrastrando o ese como serpes,
coa roupa axustada ás tatuaxes,
marcando paquete e territorio,
feroces como galos de pelexa.
Hoxe, drogados de adrenalina,
eternamente con dezaoito anos,
sóñanse duros e invencibles,
alleos ao tributo do destino:
irán ficando aos poucos na cuneta,
coa morte a rondar o seu cerebro,
as neuronas gripadas para sempre.
Power Racing Love
"Estou por ti", disme,
coa voz cromada de sorrisos,
e noto entón como me salta un resorte
debaixo do capó do peito,
nun incómodo habitáculo
onde cada sentimento
é unha peza misteriosa,
un complexo mecanismo
de palabras oxidadas
que non sei como se din.
"Estou por ti", repites,
e entón comprendo
que iso que chaman amor
é a postura máis difícil
da parte de atrás do corazón,
a única postura que non sae
nin se aprende nas pelis porcas
dos sábados á madrugada.
Carlos Negro; Makinaria
