PINCELADAS SOBRE O MODERNISMO EN SADA
O Modernismo foi unha corrente de renovación artística que se desenvolveu nos distintos países europeos a finais do século XIX e principios do XX. Pretendía crear unha nova estética que rachase cos estilos de moda precedentes. Esperta o gusto polo estético e o decorativo e busca a arte como única finalidade.
Os elementos inspiradores van ser fundamentalmente os procedentes da natureza. Tamén se van incorporar todas as novidades técnicas e materiais que xorden tras a revolución industrial. Por iso, na arquitectura serán tan frecuentes os símbolos florais, o uso da liña curva, a asimetría e o emprego de materiais renovados como o ferro, o vidro, o formigón armado, os ladrillos e os azulexos.
O Modernismo intenta igualmente democratizar a beleza, ao facer que ata os obxectos máis cotiáns cobren valor estético e sexan accesibles a toda a poboación. Esta idea non soamente se concreta na arquitectura, tamén no deseño dos mobles e doutros obxectos de uso común e cotián.
En definitiva, estamos ante un estilo estético tipicamente urbano que trata de empregar e integrar todos os novos materiais non soamente polas súas posibilidades técnicas, senón tamén expresivas e, inspirándose na natureza, dota os edificios de personalidade propia, como se de organismos vivos se tratasen. Busca formas refinadas, conxugando a funcionalidade e a beleza. Pretende crear unha cidade agradable, elegante, moderna e leda. Estamos ante unha arquitectura simbólica, suxestiva, decorada, que esperta os sentidos e busca a arte.
O Modernismo tamén chegou a Sada. Na primeira metade do século XX foron moitos os edificios que se construíron baixo estes principios, transformando por completo a fisonomía urbanística do termo municipal. A súa pegada aínda se pode observar hoxe en día en edificios tan emblemáticos como A Terraza e as Escolas de Sada e Contornos, pero tamén en vivendas unifamiliares espalladas por todo o concello. Ás veces soamente se evidencia en pequenos detalles ornamentais que decoran a fachada, un balcón ou perfilan as fiestras, pero son precisamente eses elementos os que lle proporcionan o engado que a converten nunha construción singular, con personalidade e beleza únicas.
A TERRAZA, obra do arquitecto Antonio López Hernández, instalouse nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña no ano 1912. Nos anos 1919, 1920 foi desmontada e trasladada a Sada, converténdose no transcorrer dos anos no símbolo desta nosa vila mariñeira e nun dos edificios máis representativos do modernismo en Galicia.
O edificio sintetiza perfectamente a madeira, o ferro e o vidro, se ben á obra orixinal engadíronselle novos corpos en distintas fases que lle proporcionan o seu aspecto actual. Un dos aspectos máis interesantes é a policromía dos cristais das fiestras: vidros verdes, amarelos, vermellos, azuis, laranxas... que crean un cálido ambiente multicolor ao seren penetrados pola luz do sol.
A sociedade Sada y sus contornos nace en Nova York o 19 de maio de 1913. Foi creada por emigrantes naturais do concello de Sada residentes nesa cidade coa finalidade de crear escolas en Sada, entre outras actividades de carácter social. A escola Sada e Contornos, outro dos nosos edificios singulares, empeza a funcionar no curso 1927-1928.
Inspiradas nestes edificios construíronse numerosas edificacións modernistas que dotaron a nosa vila dunha extraordinaria personalidade. Todo isto unido ao feito da chegada do tranvía converteron Sada no centro de ocio e lecer de toda a bisbarra. Esta circunstancia condicionou favorablemente a construción de casas particulares moi singulares, que se espallaron incluso polas distintas parroquias do termo municipal.
Pero, pouco a pouco, a entrada na longa noite de pedra foi transformando o gusto pola beleza e a harmonía da paisaxe urbana polo materialismo e a especulación dos poderosos e de todos aqueles que foron medrando ao seu agocho. Tamén Sada perdeu o seu engado, e a súa fermosa figura de luz e color foise transformando nun conxunto enmarañado de cemento, diversos volumes e alturas que acabaron por transformar por completo o concepto de vila aberta á vida, á alegría da convivencia. A vila deixou de ser o entorno de todos e para todos. Despersonalizouse, e pasou a ser obxectivo preferente dos especuladores.
Na actualidade, os cidadáns debemos recuperar os espazos públicos e sentar as bases para transformar esta lenta agonía nunha nova etapa de prosperidade. Para logrármolo, debemos beber nas fontes que nos amosan a humilde beleza do noso, para que así no futuro, non moi lonxe, as novas xeracións saiban conxugar a beleza e a harmonía da nosa paisaxe coa defensa dos valores dunha cidadanía honesta, feliz e comprometida, e desa maneira recuperar o engado da Filla da Ría de Prata.