Paisaxe con dor de inverno; Miguel Anxo Fernán-Vello
04.04.2020

PAISAXE CON DOR DE INVERNO
As árbores nocturnas
tremen como unha sombra
no sangue. O sal xeado
na lágrima do frío.
Todo, nudez de vidro
que nace no corpo,
e flor de cinza e neve.
A distancia é unha liña
insaciada
nas sílabas do tempo.
Un enigma de música quebrada,
a luz que vacía o crepúsculo.
E o taxi branco que é un signo,
a dor que morde no recordo
unha hora estraña de rúas
con fendas transparentes
de olvido.
O astro da tristeza
e a febre oculta das horas
son un escaparate vacío.
Ao lonxe, dividido,
a estrela azul do mar
que non regresa nunca.
(de As certezas do clima)