O Rifante; Castelao

26.03.2020



0 Rifante era un mariñeiro que ganaba pesos que na súa bulsa gardábanse talmente como auga nunha peneira. En terra o Rifante non tiña caletre ningún; en canto poñía pé no seu barco, trocábase nun sabio. Tiña moitos fillos e moitos netos e todos a gastar a barullo porque o mar daba para todo.

Ninguén lle negou o creto de bo patrón e de bo cristián que tiña; mais ás veces parecía ter tratos co demo. Habían de largar o aparello outros mariñeiros e non habían de coller ren; chegaba o Rifante e collía unha fartura de peixe.

0 "Rifante" era farturento de seu. Estando a piques de morrer afogado ofreceuse a Nosa Señora e regaloulle un manto de seis mil reais, ademais da misa cantada, música, foguetes, traxes novos e comida a fartar.

0 "Rifante" tiña fe na súa fada. Unha vez enfermouse e fixo de patrón o fillo máis vello. En canto volveu do mar, o fillo achegouse ó leito do pai e tatexando de medo contoulle que o aparello quedara trabado nunhas pedras. 0 "Rifante" dixo simplemente: "Non teñas medo, Ramón; o mar levouno, o mar dará para outro". E despois calou e virouse cara á parede.

¡Que confianza tiña o "Rifante" no mar!

Pero tanta fartura minguou de súpeto e a fame foi entrando en todos os fogares. Tal aconteceu cando as traíñas mataron o xeito.

0 "Rifante" apareceu un día diante do meu pai, amigo seu dende nenos e ademais conselleiro.

-¿Sabes unha cousa? -dixo-. Hai fame, ¡fame!, na casa do "Rifante". Ti xa sabes que nunca pedín nada a ninguén; mais agora veño petar na túa porta para que me emprestes mil reais. Quero botarlle un balcón novo á miña casa, ¿sabes?, e así a xente que vexa que ando en obra non pensará que os meus non teñen que levar á boca.

Meu pai, que percorreu moito mundo, aseguroulle que a fame cúrase con pan; mais o "Rifante" púxose teso e volveu a falar.

-A vergonza é peor que a fame.

E seguro meu pai de non convencer en terra a un home que soamente ten intelixencia no mar, abriu a gabeta e colleu mil reais; pero o "Rifante" atallouno:

-Non, agora non mos deas; xa virei por eles.

Na noite daquel día velaí se sentiu unha tropa na nosa casa. Era o "Rifante" que viña coa muller, os fillos, os xenros, as noras e os netos; todos en procura dos mil reais.

A patulea do "Rifante" encheu a casa toda e daba medo pensar cómo formarían roda demandando pan ó seu Patriarca.

0 "Rifante", coa gorra encachada até as orellas, pediulle os cartos a meu pai e, ó recibilos das súas mans, descubriuse relixiosamente e, amosándollos a todos, dixo con solemnidade:

-Miña muller e meus fillos, se morro, xa sabedes que se lle deben cincuenta pesos a este home.

E sen dicir outra verba, tapou a cabeza e foise diante de todos, escaleira abaixo.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Cousas, 1934.

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar