O Galo. Poemas de Luís Amado Carballo

02.04.2020

O Galo
Abrell'as portas ao día
co-a chave do teu cantar
que xa na fonte da Lua
está lavada a mañán.

Bótall'o teu aturuxo
a paisaxe dend'o val
qu'o gran balbo das estrelas
cairá serodio no mar.

O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
alcéndelle unha fogueira
co lume da tua voz.


S - 6
A sua queixa no brañal
debulla con voz de prata
a fonte, nunha sonata
no clavecin de cristal,
e arrente d'unha silveira
monea no violón
con triste e pesado son
unha abella aventureira.

Aló n'un souto remoto
un grilo ben afinado
trema un fadiño miñoto
«muito ben repinicado»,
e o concertista pin pin
rebuldante poI-os matos
acompáñao en pizzicatos
no seu besgo violín.

O xílgaro mais alá
con voz de tipre barata
acomete unha fermata
de ópera italiâ,
e o cuco no piñeiral
con gran degaranza proba
na frauta do trinque nova
tod'a escala natural.

Entran «a tempo» facendo
os piñeiros violinistas
en compaña dos soistas
un sentimental crescendo,
e como na Pastoral
ten un canto realista
d'emoción oitocentista
o rego antr'o salgueiral.


Desconsolo
Deixando aa fonte á chorar
fuxe o río pol-o quenlle
con pasadas de cristal...

          - Ay amante, amante
          ¿cando voltarás?,
          será pol-a Páscoa
          ou pol-a Trindá...

O cantar do merlo
quérea consolar:

          Voltará o amante
          ben cedo cicais,
          cicais poI-a Páscoa
          ou pol-a Trindá.
          Pon frores no pelo
          si é de lei, virá.

Contéstalle a fonte
no seu saloucar:


          Amores que fuxen
          xa non voltarán,
          nin pol-a Páscoa
          nin pol-a Trindá.
          Soyo follas secas
          Outono m'ha dar.

Ficaban tan soyo
na branca mañán,
o fuxir do río
y-a fonte a chorar.


Noivos
Primaveira galanada
con collares de luar
e con pendentes de estrelas
está ô seu noivo á agardar.
Domente os ventos de Marzo
tecen seu manto de noiva
pregunta ao paxaro sabio
degarante e ruborosa:
          Cuco-rey
          rabo d' escoba
          cantos días faltan
          para a miña boda?

O paxaro decontado
poñíase a cantar
e o corazón latexante
estaba a moza á contar:
          Un, dous, tres,
          te non trabucache
          meu bô cuco-rey?

Domente qu'ela escoitaba
tremecida de vergonza
xa estaba Mayo galán
entrándolle pol-a porta.


As cantigas do berce
Un carrizo namorado
afogóuse nun luceiro;
chora o monte y-a campía,
de loito vistius'o vento. 

Como un paxariño horfo
nas mans morréusem'o día,
arrechegueino ao meu peito
por ver si lle daba a vida.

Vaite choiva e vente sol
qu'imos á xogar â leira
cô moneco bonitiño
que meu pai trouxo da feira.

Aquil berce está valeiro
y-a naiciña anda a chorar,
o meniño está no ceo
coas estrelas a brincar.

A campía escurecida
chora tremando co frío,
a probiña quedóu horfa
qu'o día afogóu no río.


Lua
A lua é velliña,
de brancos cabelos,
de enrugas de ouro
e de olliños cegos.

Érguese do leito
das foulas do mar
palpando os espazos
para camiñar.

Anda pol-o mundo
sin ver a onde vay
poil-as estreliñas
lévanna da man.

Envolveita en néboas
hase de abrigar
pois como vai vella
tense de coidar.

Cando na outa noite
brua o temporal
a lua antr'as tebras
tápase a tremar.

E así qu'o mal tempo
amainado vai
asoma a faciana
y-espalla o luar.


Os Reis
Na branca noite de inverno
acochadiño co frío,
envolveito no luar,
no salgueiral chora o río.
          O camiño torto
          que vai pra Belén
          levaba no colo
          aos tres vellos reis.


Anda a lua poI-o ceo,
vaga lembranza a chorar,
o vento ficóu pousado
nas ponlas do piñeiral.
          A estreliña errante
          aboya no alén,
          dos mares do ceo
          bíblico bourel.


A noite está caladiña
e o silenzo abríu as azas,
pra non espertar ao neno
até os astros se pararan.
          Ao roibo meniño
          que ven de nacer,
          dos xardíns da groria
          tenro carabel.

PoI-os montes e valgadas
chegan pastoriños nenos
levando nos corazóns
arrecendores d'encenso.
          Líricas ovellas
          andan a xemer
          no colo das mozas
          con voz de rabel.


Cantan salmos as estrelas
acunadas poI-o mar
que brua con son de orgao
unha canzón de arrolar.
          Cinguidos das tebras
          os velliños reis
          camiñan soñando
          co amañecer.

PoI-as rayolas da lua
baixan falando a modiño
anxos que velan o sono
do divino pequeniño.
          O craro camiño
          que levaba aos Reis
          chegando ond'o neno
          bicáball'os pés.


Muiñeira
Brinca o sol...
na campía noiva...
como un corazón...
Brinca o sol...
          Unha mañán de San Xoan
          atopei a fror das ágoas,
          dend'aquela levo en min
          unha mágoa de arelanzas.

Na terra...
no ceo...
no monte...
no val...
Non atopo acougo
pra tan fondo mal.
          Agora que ven o tempo
          dos romaxes e rueiros
          confesarei meu amor
          á meiga nena qu'eu quero.


Cantor
reiseñor
que cantas â lua
que cantas ao sol,
dam'o teu tremar
que chore ou que morra
arelo cantar.
          No peito do serán tenro
          cravei unha bágoa branca
          e cando chegóu a noite
          era unha estrela de prata.


Chouta no muiño
tolo remuiño
das ágoas ferventes
a escuma alboral.
Cantigas de amores
as bágoas da lua
aheito no chán.
          As campanas de Mourente
          as campanas de Marcón
          xogan nas nubens do ceo
          pol-a festa do patrón.

Corren toleironas
apañando estrelas
no fondo do mar.
A cantata lírica
dos grilos nas leiras
recende a luar.
          Con limpos traxes de festa
          bailan copras e alalás
          encol das veigas lavadas
          pol-o orballo da mañán.

Brincan con ledicia
de donda caricia
pol-a herbiña mol,
segándoos con fouces
de lua crecente
apañan n'un feixe
os rayos do sol.
          O luceiro namorado
          dos falares da fontenla
          quixo ser folla outoniza
          pra verse afogado n'ela.


Un triste cantar
pendura das ponlas
d'aquel piñeiral
bágoas de saudade,
tenra despedida
as azas das dornas
que van pol-o mar.
          A campía escurecida
          chora tremando cô frío,
          a probiña quedou horfa
          qu'o día afogóu no río.


Vel-o ei vai o sol,
abuado, tristeiro,
sin lus, sin coor...
Vel-o ei vai o sol...


Vendima
Duro coitelo de lua,
o aturuxo da raza,
fai vendima de cantares
na viña da miña alma.

De tanto sol que acotío
entra no peto do mar
un asombrante tesouro
nas suas fonduras hai.

Cheo de lus amarela
o albariño miudo,
garda nos seus louros ácios
o celme do sol maduro.

O pano longo do mar
inxuta o suor da lua.
As estrelas embazadas
cabelan as suas prumas.

A corda do hourizonte
aforcará ao día mesto
cando o sol coroe as ágoas
de saloucos sanguiñentos.


Os piñeiros mortos
Afiado o berro dos carros
fende o sol-pôr amarelo.
Rube a lua poI-o monte
para despedil-o enterro.
-
As estrelas en ringleiras
alumean o vieiro;
o bosque despeiteado
enloitouse de silenzo.
-
Co ollar humido de verde
camiñan os bois labregos,
levando os piñeiros mortos
no primeiro cadaleito.
-
-O serán cóncavo e fondo
molla poI-o mar os ecos
das doídas bateladas
que pinga a campá do ceo-
-
Ficou chorando no campo
o enorme e viudo vento,
buscándoos âs palpadelas
na orfandade do ermo.


Mariñeiro
Era un peixe e ficou presa
a tua ollada sangal
no aparello do hourizonte
sin poder ir mais alá.
          Pigoreiro
          das mansas foulas
          que borracho de lua estás,
          nos teus ollos debalan os lonxes
          como as foulas no horfo areal.


No Stadium do mar aberto
sintindo a marea ampear
ganache o Derby do vento
Jockey en foulas pur sang.
           Mariñeiro
           -poeta das ágoas-
           o teu remo bravo e lanzal
           escribíu unha estrofa na ría
           para un canto de libertá.


Teu corazón ao garete
algún día ancorarás
nos portos sentimentaes
que treman no teu ollar.
           Mariñeiro
           de ollos viaxeiros
           -irmandado cô temporal-
           o proel ispido da canzón tua
           no argazo balbo foi aniñar.


Nunha noite de galerna
os ventos atoparán
como unha cruz, teu cadavre
nas mans viudas do mar.


Outa mar
Sal o fato albar das foulas
á espallarse pol-o mar,
a lua vainas gardando
con fidelidá de can.

Encol do berce das ágoas
está o vento adormecido,
no ceo morno e cinzento
ficóu o día esquencido.

No mar noviño do trinque
báñanse as nubens preñadas
que pra curar mal de andacio
viñeron dend'a montana.

As estrelas pescadoras
maman o leite do abrente,
nas cuncas de pau das dornas
a escuma das velas ferve.

Nas ágoas do amañecer
a choiva larga o aparello,
fican pechadal-as roitas
e o mar tornarase cego.

           Fuxe o día encol das ágoas
           nas velas do galeón
           que leva a estrela da tarde
           na punta do botalón.

           Cabela, cabela
           arado e traineira,
           unha poI-o mar                                                                                                         outro poI-a terra.

Pandeirada do bó e do mal tempo
Quente como un corazón
nos secos beizos da terra
oxe deita sangue o sol.

O vento é bon tecelán
que côs novelos das nubens
faille unha sabán ao mar.

Soa o mar como un pandeiro
nos cons da costa baruda
baticado pol-o vento.

O sol berróu coa mañán,
ela ten bágoas nos ollos
él non saíu a alumear.

Pra tomar pulo no vô
o sol póusase na terra
nos uzales do Avión.

Cando vai pechando a noite
a neve con medo ao lobo
ven baixando poI-o monte.


Muiñeira de todo tempo
          Antre herbales frescos
          o craro camiño
          arrastrando os zocos
          vai para o muiño.
          Envolto no vento
          tirando do chán
          o piñeiro é un grobo
          e arela voar.
Ei ven o tempo de sachal-o ceo
ei ven o tempo do ceo sachar,
segal-a ferrán das nubens serodias
para as estrelas do vran sementar.
          O campo está hoxe
          de fresco pintado,
          esta noite os ríos
          dormen enrolados.
          A Illa de Ons
          preñada do mar
          durmiuse no berce
          qu'avala o luar .
Lambe o voo sangal das pombas no lonxe
a man agoacenta do ceo enrugado,
de tanto rubir ao monte con xente
o probe camiño xa vai medio canso.
Naceu antr'as nubens
o Outono frieiro,
ollos amarelos
que choran no vento.
          Bica o vento mozo
          a terra dispida
          cos beizos quencidos
          da rosa alcendida.


Arrieiro
Oubeando pol-a bouza
o vento murcho d'outono
anda pol-a noite adiante
triste como o can sin dono.
          Ao baixar poI-o Paraño
          xa se esperguizaba a Lua
          antr'as foIlas d-un carballo.
PoI-o camiño de estrelas
esbara o cantar do arrieiro,
leva o compás nas campaíñas
o macho que vai dianteiro.
          Medra como unha marea
          o avalar perguiceiro
          das montanas de Tras- Deza.
Nos meus beizos dorme o bico
qu'algún día ch-ei de dar
como dormen as estrelas
arroladas pol-o mar.
          Ao chegar ao Carballiño
          eran as doce na lua
          y-estaba morto o camiño.
No argadelo do teu corpo
devano a miña emoción,
un repinicar de estrelas
voa no meu corazón.
          A costiña de Canedo
          agarda ao sol que lle faga
          a loira trenza do pelo.
Contei meu querer â lua
por non ter con quen chorar,
dend'entón as miñas mágoas
son dondas com-o luar.
          Xa canta o vento gaiteiro
          peiteando os soutos barbudos
          que a luzada virá cedo.
Pra o muiño do luar
que fartan ríos de tebras
a moura moega do ceo
botaba o seu grau de estrelas.


Canto de Arada
O val é un niño quente
onde de espaldas â igrexa
por direito de pernada
cásase o arado coa terra.
          Sementías de milleiros
          e montanas cachapudas...
          ¡Terra brava de Soutelo!
O sol vai guiando âs nubens
coa sua aguillada tépeda,
brinca coma un chafarís
o cantar d'unha laberca.
          Rube pol-a encosta o vento
          levando feixes de nubens
          acarón de Sanguñedo.
Ceo e terra están ispidos
como outrora Adán e Eva,
foi a mazán do pecado
unha nuben volandeira.
            Na caeira de Vilariño
            ao chegal-a primadeira
            fai a brétema o seu niño.
As nubens choutan â comba
coa corda do Arco da vella
e pol-o monte os camiños
fuxen co medo das têbras.
          O Sol cara a Millerada
          vai segando na ferrán
          coa sua fouce dourada.
En ringla pol-o hourizonte
coas candeíñas acesas
ventaba a morte do día
a compaña das estrelas.
           Xa saíu a Lua choca
           levando o fato dos pitos
           enriba de Pardesoa.
Encol da Terra de Montes
funga o Sol como unha abella
deixando vinchas de mel
escoando pol-as leiras.
           O vento cego relouca
           viudo de clocheles e árbores
           no casal de Vilapouca.


Pontevedra
(Século XIX)
             Pontevedra é boa vila
          dá de beber á quen pasa
          a fonte na Ferrería
          San Bartolomeu na praza.


No dondo colo do vento
quedous'a choiva durmida.
Lonxe as casas da cibdade
baixan á beber na ría.
Dos beizos escoa a copra
Pontevedra é boa vila.

Cand'o sol cae nas pedras
pescudando un grolo d'agoa
a sombrilla abren os árbores
par'o paxaro ximnasta.
Fervendo luz de lua fresca
dá de beber á quen pasa.

Choutando pol-os clocheles,
entrou o Corpus na vila.
Chora esquencida na rua
a gaita recen nacida.
O ceo vai com'un foguete
a fonte na Ferrería.

Trema no berce da tarde
a vella voz das guitarras
Ô pé da rexa amorosa
veu morrer o toque d'Animas
que bota a pastar nas nubens
San Bartolomeu na praza.

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar