O cabalo de Alberte Merlo; Álvaro Cunqueiro
26.03.2020

Unha tardiña de verán, Alberte Merlo deulle ao seu cabalo unha merenda de herba fresca, e despois sentouse no cepo de partir a leña a ler o xornal. O cabalo merendou, e pasou a súa cabeza por derriba do ombreiro dereito do amo, e con voz humana preguntoulle:
-¿Como vai o mundo?
Este foi o comezo das longas conversas que durante varios meses mantiveron Alberte e o seu cabalo. Falaban, según Alberte, de política, das contribucións, de como foran os precios na derradeira feira de Noia, e de vodas e de difuntos. Un día o cabalo díxolle a Alberte que non lle non gustaba que lle chamasen Moro, e que mellor sería que lle buscase un nome máis decente, aínda que fose francés. Alberte consultou cun mestre de Muros, moi amigo de seu, e este díxolle que lle chamase ao seu Moro simplemente como lle chaman aos cabalos en Francia. Que lle chamase Cheval. Ao cabalo pareceulle ben, aínda que murmuraba que quizais ao nome deberan seguir dous apelidos. Por consello do cabalo, Alberte foille decindo aos veciños que o seu cruzado de percherón e mourisco, xa non se chamaba Moro senón Cheval, e que fixesen o favor de tomar nota do cambio. A todos os efectos, dicía Cheval.
Pasando os meses, Cheval íase amosando moi vivo de xenio, celábase de que Alberte falase coa xente sin estar el diante, de que lle asubiase ao can Tirol, e de que lese o xornal en voz alta á muller, que non sabía ler.
-¡Dabondo fas con durmir con ela! -comentaba Cheval disgustado.
Ía cumprirse un ano dende a primeira conversa de Alberte co seu cabalo, cando un mediodía, regresando os dous amigos do muíño, carregada a besta con dous sacos de fariña e outro de farelo, Cheval parouse na ponte, e díxolle a Alberte con voz grave:
-Vai facer un ano que nos falamos, e se queres que sigamos comentando o mundo, tes que prometerme que de agora en diante só vas falar comigo ¡Despois de todo son o único cabalo da provincia que fala co amo! E non me fío da túa palabra, que máis dunha vez xa che escoitei contar algunha mentira. Tes que facer un documento. ¡Se non o fas, calo para sempre!
A Alberte non lle non parecía nada doado o consultar este asunto cun avogado. O avogado seguro que o tomaba por tolo se entraba no seu despacho explicándolle que falaba co seu cabalo Cheval, e que este quería un escrito no que Alberte declarase que só falaría con el, e que se entendese por señas co resto dos galegos. Foi Alberte a Muros visitar ao seu amigo o mestre. Este díxolle que escribira calquera cousa nun papel de barba, que era seguro que Cheval non sabía ler.
-¿Quen sabe que non sabe ler? -insistía Alberte.
O mestre, en papel selado de tres pesetas, escribiu unha declaración xurada na que Alberte se comprometía a non falar coa xente se non era con permiso do seu cabalo Cheval, denantes conocido por Moro,.. Firmou e rubricou Alberte Merlo... Cando chegou á casa co documento e llo amosou ao cabalo, este fixo que llo lera por dúas veces.
-¡Moi benl ¡Agora tes que levalo ao Rexistro!
Alberte quedou coa boca aberta mirando para Cheval.
-¡Ao Rexistrol ¡Coñezo o procedemento! Lémbrate que denantes de ser o teu cabalo fun o cabalo do procurador Abeledo.
Un procurador famoso, do que se dicía que tiña na memoria o Código das Argalladas... Alberte anda agora coa declaración xurada na man, sobe e baixa polos camiños, sénta nese chanto ou arrímase a aquel carballo, pensando sempre no choio, sen saber que facer, se ir ao Rexistro de Noia ou non... E mentres, o cabalo non lle fala e olla para el de esguello.
Álvaro Cunqueiro; Os outros feirantes, 1971