NOTAS PARA UN TEXTO EN CONTRA DA GUERRA
ESTES DÍAS, REVISANDO VELLOS DOCUMENTOS, ATOPEI ESTAS NOTAS ESCRITAS O 30 DE MARZO DE 2003 PARA REDACTAR UN TEXTO EN CONTRA DA GUERRA
As persoas deberiamos preocuparnos por facer felices aos demais, por axudar a que todos sexamos felices. Hoxe en día pensamos demasiado e sentimos moi pouco. O que realmente necesitamos é humanidade. Non debemos rendernos endexamais ante a violencia, a inxustiza e a intolerancia. Debemos loitar pola liberdade, soamente con ela poderemos ser dignos e nobres.
Os tempos que estamos a vivir semellan a fin da civilización e a chegada da barbarie, dun tempo de escuridade, de tebras que esmagan as nosas conciencias. A violencia, veña de onde veña, nunca é solución de nada. O odio non se pode superar con odio, senón con amor e comprensión.
Todos estamos en contra da guerra. ¿Pode haber alguén que estando en contra da guerra xustifique as mortes do terrorismo de ETA? ¿Pode haber alguén que estando en contra da guerra maltrate á súa parella? ¿Pode haber alguén que estando en contra da guerra xustifique a tortura?
Non podemos confundirnos nestes tempos nos que o noso futuro está no gume da navalla. Protestar pola política do goberno non nos dá dereito a atentar verbal e fisicamente contra aqueles que os defenden e votan. Participar nunha manifestación en contra da guerra é digno de loanza, pero iso non debe levarnos a xustificar actitudes violentas e provocadoras contra os policías -aínda que algún por veces amose o mesmo odio ca aqueles que combatemos-. Non, non podemos atacar a violencia con máis violencia.
Conforme pasan os anos imos entendendo as cousas máis dende unha perspectiva global, colectiva e solidaria, e somos máis vulnerables emocionalmente; choramos con máis facilidade por cousas sutís, case imperceptibles. Así se explican as bagoas deitadas pola catástrofe do "Prestige", pola actitude de dignidade dos mariñeiros, pola solidariedade dos voluntarios..., e agora vendo as terribles consecuencias da guerra.
É inevitable; cando vemos ou lemos información sobre a guerra, sensacións contrarias se xeran en nós. Por unha banda, as terribles imaxes de destrución, de morte, de barbarie, fan que nos lembremos do lado máis amargo e escuro da humanidade. Por outra banda, lembrámonos dos pobres nenos do mundo subdesenvolvido que pasan fame e morren por falta de atención médica. Dedicando un só dos minutos de atención que todos lle prestamos á guerra a esta situación de miseria e indignidade, o progreso da humanidade sería inmenso.
Declarámonos aberta e contundentemente contrarios a esta guerra, pero coa mesma contundencia nos declaramos en contra da violencia, do terrorismo, da intolerancia, da tortura, da inxustiza, dos malos tratos, das vexacións, da escravitude..., e de tantas outras palabras que deberían desaparecer para sempre do noso dicionario. Os Estados deberían estar rexidos por persoas e non por políticos.
Estamos nuns tempos de escuridade, pero o sol, a luz pode de novo iluminar o noso futuro; iso depende de nós. Nas nosas mans está a posibilidade dun cambio radical, aínda que se vaia producindo pouco a pouco. Non agardemos a que outros cambien o mundo por nós. Eses grandes cambios non son posibles. O gran cambio prodúcese despois dos pequenos cambios que cada un de nós vai facendo na súa vida, coa súa actitude máis humana, máis solidaria, máis comprensiva, máis tolerante. Non agardemos nin un minuto máis, este é un bo momento para pórse en marcha.