Nocturno; Xavier Seoane

04.04.2020

NOCTURNO

Estas noites capaces

de colmar a nostalxia,

en que as pupilas, cheas de escuridade,

ata o soño dilátanse,

veñen a mín desde o día

en que o meu corazón as presentía

e a miña nai as arrolaba.


Adentrándose nelas,

a sagrada tristeza de vivir

revela a súa saudade

e o cántico das cousas

eleva o seu misterio inesgotabel.


Noites de arrecendente claridade,

ríos de cego amor, ecos do alto,

xardíns de luctuosa inmensidade:

Nada pode turbar

os vosos soños mainos

-a beleza da terra.

O odor das meses

recén segadas.

O cántico do mar. O sorriso

dunha crianza...-


Só a luz da alba

asomando

os seus dedos rosados

nos lonxincuos outeiros da mañá.


Só o río da nostalxia e de saudade

que acompaña o misterio da vida ao despertar.

(de Umbral de vida, 1996)

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar