LUÍS PIMENTEL
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000299-7baf57baf7/PIMENTEL%20LUIS.jpg?ph=dbedcd692c)
Luís Benigno Vázquez Fernández (LUÍS PIMENTEL) naceu en Lugo o 18 de decembro de 1895 e morreu na mesma cidade o 13 de febreiro de 1958. A súa obra, encadrada nas vangardas e marcada por un clima de intimidade, sintetiza diversas correntes, especialmente o impresionismo e o simbolismo.
Desde cedo, en Lugo, onde viviu case toda a súa vida, entrou en contacto con artistas, músicos e escritores. En 1914 desprazouse a Compostela, onde asinou os seus primeiros versos en español, para estudar Medicina. En 1922 trasladouse a Madrid para realizar o doutoramento e alí participou do ambiente cultural da cidade, sobre todo na Residencia de Estudantes, onde coincidiu con figuras da Xeración do 27 da literatura española: Lorca, Buñuel, Dalí ou Baroja compartiron tempo e espazo co noso homenaxeado. Xa en 1927, de regreso a Lugo, entrou a formar parte da directiva do Círculo das Artes da cidade e creou a sección "De mi Tagebuch", na revista Ronsel, onde publicou prosas e poemas en castelán. Uns anos despois, conseguiu a praza como médico no Hospital Municipal, pero continuou mantendo relación, por correspondencia, co mundo literario de Madrid: Dámaso Alonso ou Vicente Aleixandre compartían cartas con el. Ao mesmo tempo, coidou a súa amizade cos autores galegos, especialmente con Ánxel Fole, asistindo aos faladoiros e colaborando con publicacións como El Progreso, Garcilaso ou Espadaña.
Aínda que moitos dos versos de Pimentel foron traducidos ao galego por amigos como Ramón Piñeiro ou Ánxel Fole, boa parte da súa obra foi escrita en castelán. No seu único libro publicado en vida, Triscos (1950) empregou, non obstante, a nosa lingua. A este seguiulle o poemario póstumo Sombra do aire na herba (1959), considerado a súa obra máis importante e, a seguir, a obra en castelán Barco sin luces (1960). Xa en 1981, o volume Poesía enteira recollería os seus traballos inéditos. É aí onde se encontra o poema galego "Cunetas", espello do horror e a crueldade da guerra, un momento da historia moi presente na obra do noso homenaxeado.
Cunetas. Luís Pimentel
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
...........................................
Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.
------------------------ Lugo, marzo, 1937
Herrero Figueroa, Araceli (1981): Luis Pimentel: Obra inédita o no recompilada. (Lugo: Ediciones Celta)