HISTORIA DA LINGUA GALEGA NO SÉCULO XX

02.04.2020

HISTORIA DA LINGUA: SÉCULOS XX E XXI.

Ao longo do século XX foise consolidando o proceso de normalización da lingua galega ao acceder a novos ámbitos de uso que ata ese momento lle estaban vedados: ensaio, narrativa, actos públicos, ensino, administración pública, correspondencia privada... En termos xerais, a consideración pública acerca do galego foi mellorando pouco a pouco ata acadar nestes últimos anos o recoñecemento oficial como lingua propia de Galicia. Con todo, existen notables diferenzas no transcorrer do século XX e na actualidade os datos de galegofalantes monolingües en galego e as porcentaxes do seu uso en termos absolutos determinan, cando menos, unha certa preocupación en canto á supervivencia da nosa lingua.

(109 palabras)

Tema 4.

O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Neste período que vai dende o 1900 ata a Guerra Civil de 1936/39, continúase o labor dignificador da lingua galega iniciado no século anterior grazas a unha serie de iniciativas orientadas a superar os moitos atrancos cos que se atopaba a cultura galega.

En 1906 fúndase a Real Academia Galega (RAG), unha iniciativa dos intelectuais decimonónicos e que se fará realidade a principios do século XX con dous claros obxectivos: a elaboración dun dicionario e unha gramática.

Coa aparición das Irmandades da Fala (1916) prodúcese un salto cualitativo no emprego do idioma a nivel cultural e o galego utilizarase nos actos públicos, no xornalismo, no ensaio político, nos textos científicos... Creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, tiveron o seu momento cume en 1918 na celebración da "I Asemblea Nazonalista Galega" onde, sen abandonar o obxectivo lingüístico, formulan un plan máis amplo de recuperación política, social e económica de Galicia que se resume en dous grandes obxectivos: autonomía para Galicia e o galego lingua oficial.

En 1920 xorde en Ourense a revista "Nós", integrada por Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, e que conta coa colaboración de Lousada Diéguez, Castelao e outros e que pretende servir de canle de expresión para a posta ao día e potenciación da cultura galega ata entón moi localista e excesivamente marcada pola lírica, o ruralismo e o costumismo. Para actualizar, normalizar e universalizar a cultura galega, os homes de "Nós" acollen nas súas páxinas colaboracións de autores estranxeiros, traducións, informacións e noticias do que se facía noutras literaturas, e ademais tamén se preocupaban da arqueoloxía, antropoloxía, filosofía, música..., demostrando na práctica a validez do galego para todo tipo de ámbitos, algúns dos cales lle estaban totalmente vedados como o ensaio, a lección universitaria, o discurso político, o tratado científico, a tribuna oratoria...

Precisamente, coa creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos vaise potenciar o uso do galego na prosa científica e técnica. O Seminario vai poñer de manifesto a preocupación dun sector do mundo universitario por Galicia, que será obxecto de investigación como fenómeno natural, histórico, social, político, cultural, etc.

Coa instauración da República (1931), o galeguismo vaise reagrupar en torno ao Partido Galeguista que pretenderá conseguir a autodeterminación política para Galicia, e que se verá materializada na elaboración do Estatuto de Autonomía do 1936, que recollía no seu articulado a cooficialidade de galego e castelán na Administración e un ensino bilingüe nas escolas primarias que en niveis superiores se centraba en impartir Lingua, Historia e Literatura Galegas. Por vez primeira, despois de catro séculos, o galego parecía recuperar algunhas cotas de oficialidade.

Desta etapa podemos destacar algúns estudos lingüísticos, entre outros: Dicionario galego castelán (1928) de Leandro Carré Alvarellose Gramática do idioma galego (1922) de Manuel Lugrís Freire.

Non obstante, esta rehabilitación social do idioma coincide cunha perda porcentual de falantes monolingües en galego e o inicio dunha extensión social da diglosia. Por unha banda, o sistema de ensino que emprega o castelán como lingua única e que reprime o galego en calquera situación escolar. Por outra banda, a sangría da emigración levou fóra de Galicia a milleiros de persoas que tiñan o galego como lingua inicial. Estas circunstancias, xunto co transvasamento demográfico do rural ao urbano provoca que o proceso de recuperación de ámbitos de uso iniciados a principios de século se vexa seriamente danado.

A nivel lingüístico, o contacto co galego medieval a raíz das edicións e publicacións de documentos, cantigas e textos en prosa unido ao desexo de depuración e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos do galego patrimonial levaron a que, cada vez máis frecuentemente, aparecesen formas arcaicas. Tamén se produce un achegamento ao portugués a onde se van buscar as referencias para a solución de problemas léxicos ou morfolóxicos. Así, o galego dos escritores deste primeiro terzo do século é un galego que a penas está marcado dialectalmente e no que se adoptan solucións tomadas da tradición literaria ou ben restauradas do portugués, o que dará orixe a numerosos arcaísmos e lusismos. Por outra banda, o diferencialismo en relación co castelán e a busca da pureza idiomática provocarán os hipergaleguismos e a pseudoevolución, configurando dese xeito un galego afastado da práctica falada normal, arbitrario e como de laboratorio, que continuará con certa vixencia posteriormente á Guerra Civil.

(713 palabras)

Tema 5.

O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

A partir do ano 1939, finalizada a guerra civil, iníciase en Galicia, unha vez máis, un período de interrupción das actividades culturais e lingüísticas propias. A nova orde imposta caracterízase pola represión de todo aquilo que supoña un feito diferencial tanto a nivel político, como cultural ou lingüístico. A igrexa, a escola, a Administración pública, os medios de comunicación... van empregar exclusivamente o castelán. Galicia somérxese nun silencio profundo e o galego convértese nunha lingua clandestina e pouco a pouco vai ir perdendo prestixio social e, por suposto, ámbitos de uso que non sexan os exclusivamente familiares.

Prosegue o proceso de substitución lingüística durante os anos da ditadura a pesar da superioridade demográfica da lingua galega, pois a maioría da poboación segue a ser monolingüe en galego ou bilingüe galego-castelán. Non obstante, vanse afianzando os prexuízos lingüísticos que levarán ao galego á consideración de lingua inferior. A transmisión do galego como lingua materna vai ir diminuíndo na medida en que se produce a integración dos individuos de procedencia rural nas áreas urbanas e os seus fillos van ser escolarizados nun sistema lingüisticamente homoxeneizador.

Entre 1936 e 1950, anos da máis dura e pechada etapa do franquismo, a penas se publican libros en galego. Sen editoriais, mortos, silenciados ou exiliados os galeguistas a Galicia territorial cede a súa palabra á Galicia Americana: editoriais (Galiza, Nova, Citania...), reedición e edición de libros, conferencias, publicacións periódicas, emisións de radio, representacións teatrais, actos cívicos... converten Bos Aires na capital cultural e espiritual de Galicia.

No ano 1950, un grupo de galeguistas entre os que se encontraban Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Ferro Couselo e outros, nace a editorial Galaxia, que axiña se converterá nun dos principais instrumentos da recuperación cultural galega. Outras empresas literarias destacables son a revista Grial, a colección de poesía Benito Soto (dirixida por Celso Emilio Ferreiro), a colección Xistral en Lugo e o suplemento literario do diario compostelán La Noche.

Galicia vai recuperando pouco a pouco a súa voz e xorden arredor dos anos sesenta diferentes institucións e asociacións culturais ( O Facho, na Coruña; O Galo, en Santiago de Compostela; a Asociación Cultural de Vigo; Agrupación Cultural Auriense, en Ourense, e Agrupación Cultural Abrente, de Ribadavia) que se empeñan no traballo de recuperación lingüística e cultural, de afirmación da personalidade nacional e de resistencia fronte ao franquismo. A contestación política ao réxime franquista reactívase coa fundación da UPG (Unión do Pobo Galego) en 1964 e o Partido Socialista Galego (1965) que representan un novo galeguismo que reclama o dereito á autodeterminación e adopta unha defensa decidida da lingua galega, denunciando o bilingüismo e establecendo o galego como lingua oficial de Galicia.

En 1963, co gallo do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega institúe a efeméride das Letras Galegas cada 17 de maio. No ano 1965 a lingua e literatura galegas entran nos plans de estudo da Universidade de Santiago, sendo o primeiro catedrático Ricardo Carballo Calero, quen publica en 1966 o importante estudo lingüístico Gramática elemental del gallego común. De significación semellante é o Diccionario galego castelán (1968) de Xosé Luís Franco Grande. En 1971 créase o Instituto da Lingua Galega, organismo universitario que irá participando activamente na definición da norma culta do galego moderno.

(546 palabras)

Tema 6.

O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Morto Franco (1975) e instaurada, despois da transición política, unha democracia parlamentaria (Constitución de 1978), Galicia dótase dun Estatuto de Autonomía (1981) e de institucións propias como a Xunta de Galicia e o Parlamento. A situación do idioma vai estar, a partir de aí, definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución, do Estatuto e das leis do Parlamento de Galicia.

O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas (divulgativas, científicas ou culturais), ao ensino, á radio e televisión, ao libro didáctico (filosofía, matemáticas, xeografía...); é empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade... Mais a pesar desta presenza semella que aínda se está lonxe de conseguir a recuperación total do idioma.

A calidade de utilización do galego mellorou moito a partir dos anos setenta. Ademais do xa iniciado en anos anteriores, a creación do Departamento de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade, así como a publicación de gramáticas e manuais de aprendizaxe, os cursos de galego promovidos por diferentes entidades e, en xeral, a maior preocupación tanto individual como colectiva pola calidade do galego empregado, contribuíron notablemente a aumentar o nivel de corrección da lingua.

En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Aínda que a aceptación desta normativa non foi unánime e existe por parte de determinados colectivos unha oposición que se traduce na aparición doutros sistemas ortográficos e morfolóxicos de carácter reintegracionista, o certo é que dende a revisión das normas no 2003, este rexeitamento é mínimo.

No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia.

Malia estes cambios, a situación social da lingua galega nestes últimos anos non sufriu grandes cambios. O galego segue a perder falantes iniciais e habituais, e tampouco consegue desterrar vellos e novos estereotipos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, sobre todo nos máis novos, diminúa día a día. O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a preocupante persistencia de síntomas moi negativos para o futuro da lingua. Na situación de conflito lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiar as tendencias, o galego pode chegar a desaparecer, aínda que por outra banda, a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis complexas.

(477 palabras)

TEMAS RESUMIDOS 

DE HISTORIA DA LINGUA: SÉCULOS XX E XXI. 


Tema 4.

O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Neste período continúase o labor dignificador da lingua galega iniciado no século anterior grazas a unha serie de iniciativas orientadas a superar os moitos atrancos cos que se atopaba a cultura galega.

En 1906 fúndase a Real Academia Galega (RAG) con dous claros obxectivos: a elaboración dun dicionario e unha gramática. Coa aparición das Irmandades da Fala (1916) prodúcese un salto cualitativo no emprego do idioma a nivel cultural e o galego utilizarase nos actos públicos, no xornalismo, no ensaio político, nos textos científicos... Formulan un plan de recuperación política, social e económica que se resume en dous grandes obxectivos: autonomía para Galicia e o galego lingua oficial.

En 1920 xorde en Ourense a revista "Nós", integrada por Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, e que conta coa colaboración de Lousada Diéguez, Castelao e outros e que pretende servir de canle de expresión para a posta ao día e potenciación da cultura galega ata entón moi localista e excesivamente marcada pola lírica, o ruralismo e o costumismo. Coa creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos Galicia será obxecto de investigación como fenómeno natural, histórico, social, político, cultural...

O proxecto de Estatuto de Autonomía do 1936 recolle a cooficialidade de galego e castelán na Administración e un ensino bilingüe nas escolas.

Desta etapa destacamos Dicionario galego castelán (1928) de Leandro Carré e Gramática do idioma galego (1922) de Manuel Lugrís.

Non obstante, esta rehabilitación social do idioma coincide cunha perda porcentual de falantes monolingües en galego e o inicio dunha extensión social da diglosia. A nivel lingüístico o galego a penas está marcado dialectalmente e adóptanse solucións tomadas da tradición literaria das cantigas medievais ou ben restauradas do portugués, o que dará orixe a numerosos arcaísmos e lusismos. Por outra banda, o diferencialismo en relación co castelán e a busca da pureza idiomática provocarán os hipergaleguismos e a pseudoevolución, configurando un galego afastado da práctica falada normal que continuará con certa vixencia posteriormente á Guerra Civil.

(324 palabras)

Tema 5.

O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Finalizada a guerra civil, iníciase en Galicia un período de interrupción das actividades culturais e lingüísticas propias. A nova orde imposta caracterízase pola represión de todo aquilo que supoña un feito diferencial tanto a nivel político, como cultural ou lingüístico. A igrexa, a escola, a administración pública, os medios de comunicación... van empregar exclusivamente o castelán. Galicia somérxese nun silencio profundo e o galego convértese nunha lingua clandestina que pouco a pouco vai ir perdendo prestixio social e ámbitos de uso que non sexan os exclusivamente familiares.

Vanse afianzando os prexuízos lingüísticos que levarán ao galego á consideración de lingua inferior e a transmisión do galego como lingua materna vai ir diminuíndo.

Entre 1936 e 1950, anos da máis dura e pechada etapa do franquismo, a Galicia territorial cede a súa palabra á Galicia Americana que se converterá en centro cultural e espiritual do galego e de Galicia.

No ano 1950 nace a editorial Galaxia que axiña se converterá nun dos principais instrumentos da recuperación cultural galega. Galicia vai recuperando pouco a pouco a súa voz e xorden arredor dos anos sesenta diferentes institucións e asociacións culturais que se empeñan no traballo de recuperación lingüística e cultural, de afirmación da personalidade nacional e de resistencia fronte ao franquismo. A contestación política ao réxime franquista reactívase e adopta unha defensa decidida da lingua galega.

En 1963, co gallo do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega institúe a efeméride das Letras Galegas cada 17 de maio. No ano 1965 a lingua e literatura galegas entran nos plans de estudo da Universidade de Santiago. Publícanse dous importantes estudos lingüísticos: Gramática elemental del gallego común (1966) de Ricardo Carvalho Calero e Diccionario galego castelán (1968) de Xosé Luís Franco Grande. En 1971 créase o Instituto da Lingua Galega, organismo universitario que irá participando activamente na definición da norma culta do galego moderno.

(316 palabras)

Tema 6.

O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Morto Franco (1975) e instaurada unha democracia parlamentaria a situación do idioma vai estar definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución (1978), do Estatuto de Autonomía (1981) e das leis do Parlamento de Galicia.

O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas, ao ensino, á radio e televisión, ao libro didáctico; vai ser empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade... Mais a pesar desta presenza semella que aínda estamos lonxe de conseguir a recuperación total do idioma.

En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Aínda que a aceptación desta normativa non foi unánime, dende a revisión das normas no 2003, este rexeitamento é mínimo.

No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia (aínda que reformado á baixa en 2010).

Malia todo isto, o galego segue a perder falantes iniciais e habituais, e tampouco consegue desterrar vellos e novos estereotipos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, sobre todo nos máis novos, diminúa día a día. O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a preocupante persistencia de síntomas moi negativos para o futuro da lingua. Na situación de conflito lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiar as tendencias, o galego pode chegar a desaparecer, aínda que por outra banda, a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis complexas.

(338 palabras)

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar