Cousas da vida; Castelao

02.04.2020

O nome xenérico de Cousas da vida designa a obra de Castelao consistente nos debuxos que publicou a partir de 1924 nas portadas de Galicia. Diario de Vigo e, a partir de 1925, en Faro de Vigo.

Cada debuxo ía acompañado dun breve texto a rodapé. Nuns casos era un comentario ou pensamento do autor ou do protagonista do debuxo, noutros un breve diálogo entre as figuras representadas. As estampas de Cousas da vida recollen a dobre vertente plástica e literaria da obra de Castelao. Debuxos e textos serven para reflectir cun humor satírico a realidade social e económica da Galicia do momento.

Castelao comezou a publicar estes debuxos na portada do diario vigués Galicia, entre 1924 e 1925, período no que chegaron a editarse máis de seiscentos debuxos. En 1925 pechou o periódico e Castelao seguiu publicándoas, mantendo a mesma liña e estrutura, no Faro de Vigo.

Superada a censura franquista, a editorial Galaxia publicou unha escolma destes debuxos reunidos en seis libros temáticos baixo o mesmo título. En 1961 publicou o tomo I, en 1962 o tomo II, e en 1971 os tomos III, IV, V e VI.

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar