Casa baleira; Xulio López Válcarcel
04.04.2020
CASA BALEIRA
Hai un olor pechado
e un rastro de ausencias
esquencidas nos espellos,
no frío das cinzas apagadas.
Un alento húmido,
unha gargallada tráxica.
O escoar espectral dos pasos
e a auga a escorrer
polo tellado,
identifico outras horas,
outras voces perdidas sen remedio
na distancia.
No aire dos armarios,
morfina do tempo,
palpo a morneza dun corpo
nestes traxes que amaron a luz.
Naftalina e soños dormen
chalecos e zapatos deixados
por alguén que emprendeu escura naveganza.
Aquí están en paz, en soliloquio íntimo,
suores, caricias, lonxanías,
últimos mofos onde se pudre
oloroso o esquenzo,
tal se destapo un frasco de aire enfermo.
(de Alba de auga sonámbula, 1983)