Canto ó idioma galego; Manuel María

26.03.2020


Canto ó idioma galego

Idioma meu, humilde, nidio, popular,
labrego, suburbial e mariñeiro
que fas avergoñar
ó burgués, ó señorito i o tendeiro:
levas sangue do pobo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nin tristuras.

Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a pobreza i o delito,
fala do emigrante e do maldito:
só resoas nos lares
das xentes populares.
¡Ti tés que rexurdir puro,
poderoso, enteiro
para erguer noso futuro
de pobo absoluto e verdadeiro!

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar