Ás veces fáltannos as palabras; Baldo Ramos

31.03.2020

Ás veces faltannos as palabras

Ás veces fáltannos palabras
e ás veces sóbrannos.


Ás veces fáltanos o tempo de dicilas
e ás veces pásanos o tempo de calalas.


Ás veces precisamos o que xa temos
e ás veces desbotamos o alleo como se fora noso.


Ás veces mentimos inxustamente
e ás veces facemos da lei unha verdade fedorenta.


Ás veces temos boca para selar un segredo
e ás veces fáltannos oídos para aceptar a evidencia.


Ás veces un día ten 24 horas
e ás veces unha hora agocha 24 días.


Ás veces dígoche que te quero coa boca soterrada
e ás veces a terra ignora os adverbios que nos afastan.


Ás veces digo que si porque non son eu
e ás veces non son quen de negarcho.


Ás veces a choiva esvara polos meus versos ata dar cos teus ollos
e ás veces as bágoas encoradas na memoria
asulagan as terras ermas do que che escribo.


Ás veces chámote co meu nome
e ás veces contestas dende o silencio que me reclama.


Ás veces es ti mesma
e ás veces non sei quen son se ti me faltas. 

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar