ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO
(Rianxo, 1886 - Bos
Aires, 1950)
"Cando un home sabe que a realización dunha idea vai
producir a felicidade do seu pobo e a salvación da súa patria, non debe recuar ante a posibilidade do
triunfo, aínda que a violencia dolorosa e sanguiñenta do parto lle produza
arrepíos; porque o home que dubida e teme
no intre de realizar o ideal que predicou e non ten coraxe para manterse no seu posto de perigo, ou é un farsante ou é un
coitadiño."
DA INFANCIA Á PRIMEIRA MADUREZA
1886
Nace en Rianxo, fillo do mariñeiro Manuel Rodríguez e de Joaquina Castelao.
O seu pai emigra á Arxentina.
O neno queda en Rianxo, ó cargo da nai e dos seus avós maternos.
1895
Marcha coa súa nai á Arxentina, onde coñece o seu pai, instalado cun almacén
de comercio na Pampa.
1897
Nace
a súa irmá Josefina.
1898
Nace
a súa irmá Teresa.
1900
A familia Rodríguez Castelao regresa a Galicia e instálase en Rianxo.
1900-03
Cursa
o Bacharelato e o preparatorio de Medicina en Santiago.
1903-09
Cursa
a carreira de Medicina na Universidade de Santiago.
Figura na Tuna universitaria, onde toca a guitarra. Viaxa coa tuna a
Portugal.
1908-09
Participa
no II e III Salón de Humoristas en Madrid.
1909
Sae
en Vigo a revista gráfica Vida Gallega, con cuberta e colaboracións de
Castelao nos seus primeiros números. Primeiras cubertas de libros (Princesa
del amor hermoso, de Sofía Casanova) e outras publicacións (Almanaque
Gallego, de Buenos Aires).
Presenta un óleo á "Exposición Regional Gallega" de Santiago e consegue
medalla de ouro.
1910
Instálase en Madrid, coa intención de realizar o Doutoramento, que non
consegue. Segue o seu labor como ilustrador de libros e publicacións
periódicas.
1911
Instálase
en Rianxo. Xunto a X. Arcos Moldes, E. Dieste e R. Rei Baltar, edita o
semanario satírico El barbero municipal, sostén do bando
conservador-maurista e anticaciquil da vila. Alí publica artigos de tema
médico e mantén unha sección en galego, "Faladurías", de chismes
locais.
Intégrase no movemento universitario 'Joven Galicia'.
Dicta en Vigo a primeira versión da súa conferencia sobre a caricatura.
Colabora coa revista Mi Tierra, de Ourense.
1912
Casa
con Virxina Pereira, na Estrada.
Adhire á Liga Agraria de Acción Gallega, liderada por Basilio Álvarez.
Primeira exposición individual, en Ourense, con grande éxito.
Exposición en solitario no Salón Iturrioz de Madrid. Participación na
Exposición Regional' da Coruña. Colabora cos xornais madrileños El Liberal
e La Tribuna,
e coa revista bonaerense La Semana Universal. Deseña o cartaz e
programa de man para as festas do Apóstolo en Santiago.
1913
Dicta
a súa conferencia sobre a caricatura no Balneario de Mondariz. Por primeira
vez, publica o texto desta, baixo o título "Momento de Arte", na
revista La Temporada
(de Mondariz), de onde é reproducida por El Barbero Municipal.
Colabora coa revista satírica El gran bufón, de Madrid.
1914
Nace
o seu primeiro e único fillo, Alfonso Xesús de Braga.
Padece o primeiro acceso de cegueira.
Colabora co diario madrileño El Parlamentario e coa revista La Voz de Galicia,
de Buenos Aires.
1915
Colabora
coas revistas madrileñas La Ilustración Española y Americana
e La Esfera,
as principais revistas ilustradas do Madrid daquel tempo.
Deseña a cuberta da novela La
Casa de la
Troya, de Alejandro Pérez Lugín.
Viaxa a Madrid, onde participa nuna 'Exposición Nacional de Bellas Artes', e
dicta a súa conferencia sobre a caricatura no Ateneo. Contra finais de ano,
oposita a unha praza do corpo de Auxiliares de Estatística, que gaña, e é
destinado a Pontevedra.
O ARTISTA GALEGUISTA
1916
Instálase en Pontevedra, que será a súa residencia habitual ata 1936.
Colabora na revista bonaerense Suevia.
Dicta a súa conferencia sobre a caricatura no "Recreo de Artesanos" de
Pontevedra.
1917
Publica
Algo acerca de la caricatura, en edición de autor. (A data non é
segura).
Incorpórase ás recén creadas 'Irmandades da Fala'. Participará, como membro
da delegación da Irmandade da Fala de Pontevedra, nas sucesivas 'Asembleas
Nacionalistas'.
Comeza a colaborar co boletín nacionalista A Nosa Terra, voceiro das
Irmandades.
Comeza a exercer como Profesor Auxiliar de Debuxo no Instituto de Pontevedra.
Participa na II Exposición de Arte Gallego, na Coruña. Expón en Pontevedra,
xunta o pintor Carlos Sobrino.
1918
Aproba
oposicións en Madrid, o que lle permite mellorar a categoría funcionarial.
A causa da epidemia de gripe, decide exercer como médico en Rianxo.
Intervén na I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo.
Ilustra o folletón Nós do diario El Noroeste, co que tamén
colabora.
Comeza a colaboración co xornal madrileño El Sol.
1919
Comeza
a publicar relatos breves n'A Nosa Terra.
Pronuncia a conferencia Arte e Galeguismo, que é impresa en folleto á parte.
Participa na II Asemblea Nacionalista, en Santiago.
Incidente caciquil co alcalde de Rianxo, Manuel Viturro, con ampla
repercusión.
1920
Ábrese
na Coruña a xira de exposicións do álbum 'Nós', que obtén un éxito
excepcional, e continuará ata 1924 por diversas localidades galegas,
Barcelona e Madrid. En 1920, 'Nós' mostrarase en Madrid (setembro) e Ourense
(novembro).
Conferencia inaugural da exposición: "Humorismo. Debuxo humorístico.
Caricatura", publicada n'A Nosa Terra. Tamén pronuncian conferencias
na Coruña arredor de Nós V. Risco ("Arte Nova") e Johan Vicente Viqueira
("Divagaciós engebristas").
Comeza a publicarse, baixo a dirección de V. Risco, a revista Nós, da que
Castelao será director artístico, e principal ilustrador (incluíndo a súa
fermosa portada).
1921
Realiza,
pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios, unha viaxe de estudios por
Francia, Bélxica e Alemaña. Redacta o Diario da viaxe, que permanecerá
inéditoa ata 1977.
A finais de ano, 'Nós' exponse en Vilagarcía, onde Otero Pedrayo se estrea
como orador en galego.
Fai a cuberta para a primeira edición galega do poemario Vento mareiro,
de R. Cabanillas.
1922
Publica en Nós artigos sobre arte, tirados do seu diario de viaxe.
Publica na colección 'Céltiga' a novela curta Un ollo de vidro. Memorias d'un
esquelete, ilustrada por el mesmo, que xa estaba en núcleo na súa conferencia
de 1920.
Participa na IV Asemblea nacionalista en Monforte, onde se exhibe a súa mostra
'Nós'. Alíñase co sector nacionalista radical, capitaneado por V. Risco.
'Nós' exponse en Ferrol (abril) e Pontevedra (maio-xuño).
Colaboracións na prensa diaria: La
Zarpa, de Ourense, e sobre todo, Galicia, de Vigo, onde
comeza a dar a coñecer as súas 'Cousas da Vida'. Últimas caricaturas no
madrileño El Sol.
1923
A
exposición 'Nós' móstrase en Barcelona (xaneiro), a onde viaxan Castelao e V.
Risco, e en Vigo (xuño), onde pronuncia a conferencia inaugural Arturo
Noguerol.
Continúa a súa colaboración na revista Nós, con artigos sobre arte e
con pequenas pezas literarias ilustradas, xermolo das Cousas.
A Dictadura de Primo de Rivera (setembro) suprime as liberdades políticas,
polo que o galeguismo se concentra no labor cultural.
1924
A
exposición 'Nós' pecha o seu periplo en Santiago de Compostela, servindo de
marco para unha brillante serie de actos que supoñen a consagración pública
do Seminario de Estudos Galegos, no que Castelao ingreso cun discurso sobre
'O novo espírito na arte'.
Dá a coñecer a través do diario vigués Galicia e da revista ilustrada
Céltiga (editada en Buenos Aires) unha serie de pezas do xénero (aínda en
xestación) das 'cousas'.
1925
Fúndase,
co seu concurso e o de A. Lousada Diéguez, a Coral Polifónica de Pontevedra,
da que será Presidente. Tamén deseñará decorados para actuacións desta.
Publica a súa colección de estampas Cincoenta homes por dez reás.
Ilustra a obra de R. Cabanillas Estoria do bendito San Amaro.
1926
1926.-
Publica Cousas. Primeiro libro, editado por Lar.
Deseña a cuberta d'O Mariscal, de R. Cabanillas, e ilustra o poemario Na
noite estrelecida, que constitúe unha peza cume do modernismo literario e
ilustrado galego. Tamén realiza a cuberta de Oraciós campesiñas, de
Eladio Rodríguez.
Inicia a colaboración diaria con El Faro de Vigo, onde continúa coas
'Cousas da Vida', e con El Pueblo Gallego, onde dá a coñecer máis
'cousas'.
Recibe a designación de membro da Real Academia Galega.
1927
Continúa
publicando 'cousas' en El Pueblo Gallego e Céltiga.
Participa na fundación do Museo de Pontevedra, como membro do seu Patronato.
Deseña a cuberta do poemario A rosa de cen follas, de R. Cabanillas.
Contra finais de ano, sobre unha nova crise visual, que o deixa case cego.
1928
Falece
o seu único fillo, o que o deixa mergullado nunha profunda tristeza. Durante
ese ano, abandona toda actividade pública.
1929
Pensionado
pola Junta de Ampliación de Estudios, viaxa a Bretaña, co obxecto de estudiar
as cruces de pedra, tema sobre o que tiña recollido un abundante material en
Galicia.
Publícase Cousas. Segundo libro, na editorial Nós.
ESPLENDOR E TRAXEDIA: ESCRITOR E DIRIXENTE POLÍTICO
1930
Participa na V Asemblea Nacionalista. Coa caída da Dicdatura, participa nas
primeiras campañas galeguistas. Mítin no Teatro García Barbón de Vigo, co
discurso "O galeguismo na arte" en compaña de Otero Pedrayo e Paz Andrade.
Toma parte no pacto republicano-autonomista de Barrantes.
Edita, polo Seminario de Estudos Galegos, o seu traballo sobre As cruces
de pedra na Bretaña.
Publica o Almanaque de 1931, do Faro de Vigo.
1931
Edítase,
sufragado por un grupo de amigos, o álbum Nós. Reedítase o seu álbum Cincoenta
homes por dez reás.
Proclamada a República (abril), preséntase como galeguista ás eleccións, e
gaña escano pola provincia de Pontevedra. Intégrase, xunto a Otero Pedrayo,
no grupo parlamentario da O.R.G.A. (republicano-autonomista), que apoia o
goberno de Azaña. Na discusión da Constitución da República, polemiza no
parlamento con Miguel de Unamuno arredor do recoñecemento oficial da lingua
galega.
En decembro, as Irmandades da Fala celebran a VI Asemblea, na que se disolven
para dar paso á creación do Partido Galeguista, ó que Castelao e Pedrayo
adhiren de inmediato.
1932
Intervén
no Parlamento a prol do Estatuto de Autonomía de Cataluña. Intensa actividade
política, co lanzamento do proceso autonómico galego, que culmina coa
Asemblea de Municipios de decembro, en Compostela.
En xuño, recibe unha multitudinaria homenaxe en Lugo.
En novembro, dicta na Universidade de Santiago as conferencias "O novo
espírito na arte" e "A caricatura"
1933
Estréase
en Madrid Divinas Palabras, de Valle-Inclán, con decorados de
Castelao.
Racha a alianza cos republicanos de esquerda, pola súa morneza autonomista.
Intervén no Parlamento contra o Goberno. Reanímase o pacto Galeuzca, cos
nacionalistas vascos e cataláns. Castelao viaxa a Euscadi e a Cataluña. En
Barcelona, entrevístase co presidente F. Macià, e con M. Portela Valladares,
propietario de El Pueblo Gallego.
Trala disolución das Cortes, novas eleccións, nas que Castelao non é elixido.
O Partido Galeguista perde a representación parlamentaria. Soben as dereitas
ó goberno, e comeza o 'bienio negro'.
Edítase o folleto electoral Ideas que defende e fins que se propón o
Partido Galeguista, na redacción do cal intervén Castelao.
1934
Edítase
Cousas. Libros primeiro e segundo, que constitúe a recompilación das súas
pezas publicadas antes en dous volumes. Aparece o volume de relatos
Retrincos, ilustrado por Maside. Publícase tamén a súa novela Os dous de
sempre. Deste xeito, no mesmo ano sae a lume o conxunto de obras literarias
máis importantes escritas por Castelao.
Dá lectura ó seu discurso de ingreso na Academia Galega: As cruces de
pedra na Galiza, que constituirá o texto-base para a magna obra ricamente
ilustrada que se publicou dezaseis anos máis tarde.
Ilustra as novelas de Otero Pedrayo Fra Vernero e A Romeiría de
Xelmírez, especialmente este última, ornada de belas capitais e colofóns.
A crise política de outubro, coa revolución de Asturias e a ruptura da
Generalitat catalana co Goberno, dá pé para que este desencadee unha feroz
represión, tamén contra os galeguistas: Castelao e Bóveda son desterrados
respectivamente a Badaxoz e Cádiz.
1935
Continúa,
na primeira metade do ano, o desterro en Badaxoz, desde onde fai unha
escapada a Lisboa, para coñecer o escritor portugués Teixeira de Pascoaes.
Desde alí, sostén activamente a reorientación cara á esquerda do Partido
Galeguista, para o que escribe a primeira serie de "Verbas de Chumbo",
publicada n'A Nosa Terra.
Nomeado Portela Valladares ministro, consegue levantarlle o castigo. Homenaxe
en Madrid, impulsado por primeiras figuras da política e a cultura españolas,
como M. Azaña e S. Casares Quiroga. Estadía en Trasalba con Otero Pedrayo,
íntimo amigo e ademais representante da ala dereitista do P.G., que sen
embargo permanece fiel á disciplina partidaria. Viaxe a Francia e Bélxica,
antes de reincorporarse ó destino en Pontevedra. O Partido Galeguista pacta
con Izquierda Republicana, a troca de que esta apoie a autonomía.
1936
Candidato
por Pontevedra nas eleccións xerais de febreiro, ás que o P.G. se presenta
coaligado coa Frente Popular. Resulta electo coa maior votación de Galicia. A
victoria do F.P. posibilita a convocatoria do plebiscito autonomista. Activa
participación na campaña pro-Estatuto, que remata a fins de xuño.
O alzamento militar de xullo sorpréndeo en Madrid, onde xestiona os trámites
do Estatuto de Autonomía. Galicia queda a mercé do terror falanxista, que se
ceba en toda a esquerda, incluído o Partido Galeguista: caen asasinados
familiares e varios dos mellores amigos de Castelao. Castelao colabora
activamente en Madrid no recrutamento de galegos para loitar a prol da
República. Contra fins de ano, trasládase a Valencia.
1937
Publica en Valencia os seus álbumes de guerra Galicia mártir e Atila
en Galicia, nos que retrata nas máis negras tintas a traxedia da
represión en Galicia.
Colabora con Nueva Galicia, quincenal antifascista sostido polo
Partido Comunista, onde publica as trinta e tres entregas da segunda serie
"Verbas de chumbo", en defensa das reivindicacións nacionais de Galicia e da
súa autonomía. Colabora tamén co Nova Galiza, que edita en Barcelona
un colectivo republicano-galeguista encabezado por Rafael Dieste. Tamén
participa en emisións radiais de propaganda a favor da República.
1938
Continúa
a colaboración con Nueva Galicia e Nova Galiza.
Consegue que as Cortes, reunidas en Monserrat (febreiro), dean estado
parlamentario ó proxecto de Estatuto de Galicia. Emporiso, os socialistas
conseguen bloquear o trámite, negándose a designar representantes na Comisión
de Estatutos.
A finais de abril, emprende unha viaxe de propaganda á Unión Soviética, que
se prolongará ata xuño. En Moscova é mostrada unha exposición das súas
estampas, incluíndo os álbumes de guerra.
En xullo, é enviado en misión de propaganda a Norteamérica e Cuba, onde
realiza unha intensa xira de mítins recadando fondos de axuda á república.
Publica en Nova York o terceiro dos seus álbumes de guerra, Milicianos,
polo Frente Popular Antifascista Galego, un canto á bravura dos soldados do
exército popular que loita defendendo a democracia en España.
A xira por terras cubanas prolóngase desde finais de novembro deste ano a
febreiro do ano seguinte.
1939
Na
súa xira por Cuba, intervén na campaña electoral do Centro Galego da Habana.
Dicta dúas conferencias, que son publicadas: "Galicia y Valle-Inclán"
(decembro de 1939) e "Federalismo español" (xaneiro de 1939). De Cuba toma
inspiración para a serie de debuxos de negros, que realizará en Nova York.
A derrota da República cólleo en Estados Unidos, onde ten que refuxiarse, e
continuar coas actividades de apoio ós refuxiados que foxen en masa de
España. Realiza unha xira a California.
En setembro, é designado polos galeguistas do Plata xefe supremo do Partido
Galeguista. Establécese en Nova York, gañando a vida como pode, pero
atopándose nunha 'gaiola de ferro'. Aproveita para rematar a peza teatral Os
vellos non deben de namorarse, que será estreada dous anos despois en Bos
Aires e Montevideo, e publicada en libro postumamente pola Editorial Galaxia
(1953).
1940
A
primeira metade do ano bótaa en Nova York, onde redacta o que será o Libro
segundo de Sempre en Galiza, no que inserirá textos publicados durante a
guerra, e que rematará durante a viaxe por barco a Bos Aires.
Despois de intensas xestións dos seus amigos da Arxentina, Castelao consegue
deixar Nova York e realizar o seu desexo de marchar á 'Galicia ideal', na que
se xuntan as grandas masas dos emigrados galegos e o fermento dos exilados:
Bos Aires. Alí é recibido apoteosicamente.
Publícase en versión castelá Cincuenta hombres por diez pesos. Pinta a
serie mitolóxica titulada Faunalia.
O EXILIO. A ESPERANZA ESMORECENTE
1941
Colabora coa revista Pensamiento español, de gran prestixio entre os
expatriados españois. Pinta a serie de cegos, titulada 'Os meus compañeiros'.
Estréase a súa obra de teatro Os vellos non deben de namorarse, en Buenos
Aires e Montevideo, con decorados, caretas e vestiario deseñados por el
mesmo.
Traballa como ilustrador de libros da editorial Atlántida. Deseña a capa do
libro Espiñas, de J. Tobío Mayo.
1942
Racha
con Pensamiento español. Reaparece A Nosa Terra, que a partir
do ano seguinte irá gañando periodicidade, sempre coa colaboración de
Castelao.
Ilustra o poemario Jacobusland, de Emilio Pita.
Comeza a redacción do que será o Libro terceiro de Sempre en Galiza, para o
que aproveita o texto dos numerosos artigos que publica e conferencias que
dicta.
1943
Continúa
coa elaboración do Libro Terceiro de Sempre en Galiza. Dálle remate a esta
obra, axuntando as Verbas de chumbo de 1935 (Adro), as de 1937/38 (Libro I),
o libro escrito en Nova York (Libro II) e o escrito en Bos Aires (Libro III).
Segue colaborando con A Nosa Terra e mais noutras publicacións das
sociedades de emigrantes, como Lugo.
Participa en abril no multitudinario mitin convocado en Montevideo pola
oposición democrática española, canda primeiras figuras desta. O texto deste
mitin cerra Sempre en Galiza.
1944
Sae
do prelo o seu texto político máis importante, Sempre en Galiza, colectánea
de ensaios que constitúe o testamento da xeración de Castelao e será
considerado a 'Biblia do galeguismo'. Co gallo desta publicación, celébase
unha grandiosa homenaxe en Bos Aires.
Contra finais de ano, A Nosa Terra publícase mensal, servíndolle de
instrumento de comunicación político.
En novembro, constitúese o Consello de Galiza, como garante do dereito de
Galicia ó autogoberno, formado por parlamentarios galegos expatriados e
presidido por Castelao. reavívase o Pacto Galeusca.
1945
O
final da Segunda Guerra Mundial, coa derrota do eixe nazi-fascista, fai
concibir a esperanza do final do réxime franquista, alidado a aquel. A
actividade política do exilio español entra en efervescencia. Castelao
participa en actos organizados por Galeuzca.
En xuño, exposición en Montevideo das súas estampas, celebración do
aniversario do plebiscito autonomista e homenaxe ó Consello de Galiza.
Contra finais de ano, aparece en Bos Aires a revista Galeuzca, onde
Castelao publicará, neste ano e no seguinte, varios artigos.
A fins de ano, co gallo da convocatoria das Cortes republicanas en México,
realiza un periplo continental, que o leva a Río de Xaneiro, Nova York e A Habana.
Na sesión parlamentar de México, onde se reconstrúen as institucións da
República, Castelao consegue que finalmente se constitúa a Comisión de
Estatutos.
1946
Fórmase, baixo a xefatura do republicano José Giral, un goberno republicano
de amplo espectro, para o que Castelao é designado Ministro en representación
das forzas democráticas galegas. A mediados de ano, trasládase a París para
incorporarse ó Goberno. Este Goberno preséntase ante as forzas aliadas e a
comunidade internacional (a ONU está en pleno proceso de constitución) como
alternativa á dictadura franquista.
1947
Crise
do goberno Giral, por disensións entre fraccións da oposición republicana.
Castelao sae do goberno, gravemente desiludido. A súa saúde reséntese.
Regresa de París e Bos Aires cunha terrible sensación de illamento e fracaso.
1948
Reincorpórase
ás súas tarefas en Bos Aires. Publica, anonimamente, o opúsculo sobre o
Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios, onde ofrece unha pequena
historia do galeguismo, e notas ó texto do Estatuto. O día de Galicia,
pronuncia o seu famoso discurso 'Alba de Groria', reproducido n'A Nosa
Terra, e postumamente en folleto (1951).
1949
Os
síntomas da súa doenza agrávanse, e diagnostícaselle cancro de pulmón. Pasa
case todo o ano encamado no seu domicilio, padecendo terrible dores e baixo
constante atención médica.
Os seus compañeiros de Bos Aires apresúranse a dar ó prelo a súa obra As
cruces de pedra na Galiza, profusamente ilustrada polo autor, que só
chegaría a ver impreso o primeiro prego.
1950
Nos
primeiros días do ano, os médicos deciden realizarlle unha intervención
cirúrxica á desesperada, para aliviarlle a dor. Non dará superado o
post-operatorio, e falecerá pouco antes da medianoite do día sete no
Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires.
O velorio do seu cadáver e o enterro dos seus restos mortais no cemiterio de La Chacarita dan azo para
impresionantes demostracións de loito da comunidade galega expatriada, e de
tódolos sectores da oposición democrático-republicana española.
As autoridades franquistas dan instruccións para amortecer o impacto da
magoante nova nos medios de comunicación galegos, taxando a información sobre
o pasamento do eximio rianxeiro e relegándoa ás páxinas interiores, sen
acompañamento gráfico nin referencias á súa actividade política.