A esmorga; Eduardo Blanco Amor
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000483-6a4ca6a4cc/Portada%20de%20A%20Esmorga%20con%20ilustracion%20de%20Luis%20Seoane.jpg?ph=dbedcd692c)
A Esmorga , Eduardo Blanco Amor
Información tirada da Guía de lectura de Manuel Forcadela; edicións do cumio.
Despois de varias tentativas da Editorial Galaxia por facer unha tiraxe do libro en Galicia e seren rexeitadas pola censura franquista, en 1959 aparecerá A Esmorga en Bos Aires. O libro, traído a Galicia clandestinamente e distribuído entre un público non moi numeroso, acada un importante éxito e sinala un fito histórico na renovación da nosa narrativa.
A Esmorga é unha descrición da realidade social, económica e cultural dunha época da historia de Galicia a partir duns personaxes paradigmáticos. Nesta historia tamén son visibles outros temas como o límite moral do pracer, o afastamento do home do seu destino ou a alienación dos seus protagonistas que se manifesta na impotencia das forzas da vontade do individuo fronte a outros poderes instintivos, espontáneos e irracionais do ser humano que veñen a determinar os seus actos.
A novela haina que situar dentro dunha tradición de ambiente urbano moi escasa entón na literatura galega. Hai tamén quen lle atopa un certo paralelismo coa tradición picaresca española, quizais polo seu carácter itinerante e pola propia psicoloxía dos personaxes. O neno que dende cedo é abandonado aos seus propios recursos e que recibe como educación soamente as duras leccións da realidade, marxinado da lei e da moral, sen conciencia das súas malas accións, é aquí substituído por tres esmorgantes que, na súa carencia de formación, son, alegoricamente, como nenos. Hai ademais escenas que están fóra do lirismo convencional pola súa violencia e pola súa brutalidade ao tempo que a súa linguaxe é máis coloquial ca literaria recorrendo frecuentemente ao pintoresco das imaxes populares, dos proverbios, etc.
O que ocupa o centro do relato é o drama interior dos personaxes e a tensión que estes viven entre o seu desexo instintivo e primario e a realidade adversa.
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000484-9b47b9b47d/Roteiro_A_Esmorga%2C_Ourense.jpg?ph=dbedcd692c)
A estrutura:
NARRADOR EPISODIOS CAPÍTULOS
Narrador-autor Orixe documental da historia. Prólogo
Narrador-protagonista -Taberna da tía Esquilacha. Capítulo I -Xardín dos Andrada. Capítulo I
-Pazo do Castelo. Capítulo II
-Casa da Monfortina. Capítulo II
-Casa da Nonó. Capítulo III
-Igrexa de Sta. Eufemia. Capítulo III
- Xardín dos Andrada. Capítulo IV
Narrador-autor -Campo das bestas. Capítulo V
-Morte do protagonista. Epílogo
Os narradores:
Debemos distinguir dous tipos:
1. Un narrador que se corresponde co autor e que soamente intervén ao principio e ao remate da novela. Ao principio aparece na Documentación presentándonos as fontes de onde tirou a historia. No remate aparece ao final do quinto e último capítulo para dicirnos como rematou a historia xa que a morte do personaxe narrador nos cinco capítulos centrais imposibilita a este para narrar o seu propio óbito.
Este narrador (omnisciente) sábeo todo sobre os personaxes e as situacións; é quen de ver os resortes máis íntimos que os conducen a obrar; sabe os seus sentimentos e os seus segredos máis íntimos.
2. Un narrador protagonista que conta en primeira persoa os acontecementos, coa bagaxe exclusiva dos seus propios coñecementos, percepcións e informacións.
Os personaxes:
Son o motor da acción narrativa. Maniféstanse fundamentalmente de dous xeitos:
-O nome, que moitas veces xa oculta unha intencionalidade de cara a definir o carácter do personaxe.
-A caracterización, que pode ser:
* directa, cando o narrador nos di cales son as calidades do personaxe.
* indirecta, cando é o lector o que ten que deducir o carácter do personaxe partindo das accións en que está implicado, do xuízo que del dan os outros personaxes ou do seu modo individual de ver a vida e as relacións humanas.
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000485-1971419716/Roteiro_d-A_Esmorga_6._Eduardo_Blanco_Amor._Ourense.jpg?ph=dbedcd692c)
O tempo:
Atopamos tres localizacións temporais diferenciadas:
- O tempo no que o autor escribe a novela a finais dos anos cincuenta do século XX e que no preámbulo inicial nos indica que a historia acontecera había moitos anos.
- O tempo do Cibrán (narrador protagonista) no momento de facer a declaración perante o xuíz. Son dous días; o primeiro abrangue os dous capítulos iniciais e o segundo os tres restantes.
- O tempo dos tres esmorgantes durante o seu percorrido ourensán, dende que se encontran no amañecer, ata que o Cibrán é encontrado ferido por uns varrendeiros, vinte e catro horas despois.
Por outra banda, na declaración de Cibrán hai multitude de historias encaixadas, ben mediante suspensións do relato que el mesmo fai para reflexionar en voz alta sobre a súa propia vida, ben mediante suspensións provocadas pola voz dos outros personaxes que lle contaron historias.
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000486-e0242e0244/Roteiro_d-A_Esmorga_7._Eduardo_Blanco_Amor._Ourense.jpg?ph=dbedcd692c)
O espazo:
Trátase dun claro exemplo de novela itinerante. Un itinerario urbano no que os perigos que encontran os protagonistas non son outros que os derivados da organización da sociedade. Son heroes modernos que encontran o límite da súa ousadía na legalización vixente. A viaxe é unha fuxida na que se procura o máximo de pracer no que parece ser o último día de liberdade. Por outra banda, a novela é unha homenaxe a Ourense. As súas rúas, prazas, fontes e igrexas, as súas pontes son frecuentadas polos tres esmorgantes ao longo do seu itinerario. Cabe destacar tamén o contraste entre lugares abertos e fechados e a procura dos protagonistas de lugares que os amparen da chuvia.
Se a novela ten moito de percorrido infernal e asolagamento no mundo do inconsciente, a presenza dunha atmosfera na que os líquidos (chuvia, alcol, lama, suor) adquiren unha carga semántica evidente, contribúe a acrecentar o desenvolvemento do drama.
Debemos reparar tamén en aspectos como:
* A estrutura da novela foi montada en función do desenmascaramento da brutal alienación dunha sociedade determinada: a orixe estranxeira dos cargos da administración, a actitude violentamente represiva das forzas policiais, a pequena burguesía autóctona virada de costas para o país, a fidalguía caduca que só serve para manter as fantasías doutros tempos, a opresión lingüística, a política (tanto de dereitas como de esquerdas) afastada das reivindicacións populares, a actitude antigalega dos comerciantes maragatos, as olladas compasivas de Cibrán sobre os traballadores, a escasa conciencia de clase, a xustiza é xorda e allea...
* A Esmorga como evidencia dun conflito moral:Civilización Primitivismo
Xuíz Cibrán Bocas Milhomes
Lei Instinto
![](https://dbedcd692c.cbaul-cdnwnd.com/2a6fa7b56b878d2db0c3d93ec56d44b5/200000487-4b4eb4b4ec/Ruta_da_Esmorga_1-22.jpg?ph=dbedcd692c)