A doniña cerva; lenda galega de tradición oral
A doniña cerva

Din que hai moitos anos, cando aínda os avós dos nosos avós non foran nados, moraba nun castelo de terras de Cervantes (hoxe da provincia de Lugo), un señor chamado Froyaz, xa máis que de media idade, que tiña dous fillos: o máis vello, levaba por nome Egas, e a súa irmá Aldara.
Os dous irmáns queríanse moito, e inda que a terra por alí era moi fraguenta, algunhas veces ían xuntos dar un paseíño dacabalo.
Aldara, que era unha moi belida doncela, tiña un namorado admirador, o mozo Aras, fillo do señor doutro castelo da mesma bisbarra, e como os pais non se levaban mal entre eles, semellaba que o casamento non habería de se demorar moito tempo.
Mais, un serán á hora do xantar non apareceu Aldara no seu adoitado lugar. Preguntou seu pai por ela, e preguntou tamén seu irmán. Ninguén soubo dicir nada; ninguén imaxinaba onde podería estar. Rexistrouse o castelo todo de arriba abaixo; mais Aldara no apareceu. En cabo, un besteiro que estivera de garda na porta do castelo, dixo como a tiña visto saír polo mediar da tarde e que lle pareceu que ía cara ao riacho que corría ao pé do monte onde o castelo asentaba.
Temendo unha desgraza, alá foron pai e fillo, con escudeiros e criados, a percorrer a ribeira. Nada puideron atopar malia dunha esculca detida e miudeira. Enviaron daquela un mensaxeiro ao castelo de Aras. O coitado presentouse desconsolado, na compaña das súas xentes, e todos xuntos comezaron unha busca xeral polos montes e fragas dos arredores e polas pallazas e rueiros, mais sen obteren mellor resultado. Despois dalgúns días de pescudas inútiles, e xa dada por definitivamente perdida Aldara, imaxinaron que tiña sido morta por algún porco bravo ou por algún oso, e poida que esnaquizada e comesta polos lobos.
Pasou moito tempo; xa ninguén se lembraba de Aldara, senón o pai e mais o irmán, que tiñan ás veces aínda un recordo para ela xulgándoa morta.
Un día Egas, indo de caza, chegou a unha valiña en procura dunha pita monteira. Cando viña xa de volta para o castelo coa súa peza colgada da cinta, quedou sorprendido ao ver unha fermosa cerva branca coma unha folerpa de neve, rebrincando ledamente. Armou apresuradamente a bésta e con certeiro tino enviou unha frecha á cerva que, ferida de morte, caeu derrubada sobre a herba.
Foi tan súpeto o encontro que se non lembrou de que estando só e a pé non podería levar aquela preciosa carga. Daquela, co seu coitelo de monte cortou unha das patas dianteiras da cerva; gardouna no fardel, e reparando ben no lugar onde se atopaba, cavilando en volver cos criados que puideran recoller e transportar a cerva, botouse ao camiño do castelo.
Mais, cando chegou, contando ao pai a súa cazata, tirou do fardel a pata da cerva. Ambos os dous ficaron estarrecidos: no canto da pata, o que Egas atopou no fardel foi unha man fina, branca, donda; unha man de doncela fidalga. E nun dos dedos daquela man lucía un anel de ouro cunha pedra roiba. O anel que noutrora levaba Aldara.
Correron daquela en tola cabalgada monte arriba deica o lugar onde Egas derrubara a cerva. Alí estaba, deitada no chan, a propia Aldara, coa súa veste branca na que, onda o peito, unha grande mancha vermella sinalaba o punto por onde a frecha tiña ferido o corazón da coitada. E no brazo toco, mancáballe a man.
Aldara fora, sen dúbida, encantada en figura de cerva e só coa morte recobrou o seu corpo de doniña.
¿Que mouro a encantou e por que? Endexamais puido saberse.
X. M.
González Reboredo. Lendas galegas de
tradición oral. Ed. Galaxia.