materiais diversos para aprender e normalizar o emprego da lingua galega

xosé anxo seoane cao

MULLERES GALEGAS POLA IGUALDADE

A exposición orixinal atópala na sección " PROXECTOS DIDÁCTICOS"


Hoxe, 8 de marzo de 2021, conmemoramos en Sada o Día Internacional da Muller, día recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e para facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade. É o momento para festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. É o momento de seguir mellorando as condicións da muller. Aínda que o importante é facelo durante os 365 días do ano.

A desigualdade afecta ás mulleres en aspectos como a educación, o mundo profesional e laboral, a política... A igualdade de xénero é un dereito humano fundamental que nos implica a todas e a todos e polo que, independentemente do país no que se viva, se debe loitar.

[...]

É unha grande satisfacción para min que a concellería de Benestar Social e Igualdade do concello de Sada utilizara este traballo para dar a coñecer a moitas galegas que se significaron na loita pola igualdade de xénero dende diversos campos. 

Xosé Anxo Seoane Cao


Na sección relatos atoparás un novo relato de xoanseca publicado no número 21 da revista cultural  Areal

Ilustración orixinal de Eduardo Seoane Riveira.

CONTRIBUÍNDO AOS ACTOS DO CENTENARIO

Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 - A Coruña, 2012) é, ao noso parecer e xunto con Castelao, a figura máis sobranceira do século XX no noso país. O seu compromiso con Galiza (como el gustaba dicir) marcou a súa obra e foi o eixo fundamental da súa vida. Traballou arreo para dotar o país dunha infraestrutura cultural digna, propia, que baseándose na tradición modernizase Galicia e servise de base para a recuperación da súa memoria histórica. Segundo Manuel Rivas: "Faría falta un número indefinido de biografías para unha vida que foi un compendio de moitas existencias". Segundo el mesmo: "Son un pesimista activo".

O Castro, Sargadelos, O Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o IGI, o Museo Carlos Maside..., son as súas grandes obras. Na actualidade algunhas xa foron "liquidadas". Deixar morrer os seus logros, os seus soños, sería como deixar morrer a nosa lingua, o sinal de identidade que mellor nos define como galegos e como nación.

O IES Isaac Díaz Pardo en colaboración coa Concellería de Cultura quere contribuír aos actos de conmemoración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo cunha exposición fragmentada en distintas seccións:

  • Centenario de Isaac Díaz Pardo:

15 cadros nos que reproducimos un sinxelo perfil biográfico do homenaxeado co obxectivo básico de servir de achegamento inicial á súa persoa e á súa obra.

  • Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936:

O mozo Isaac foi un grande defensor do Estatuto do 36 e participou activamente na campaña de propaganda. Recuperar a memoria histórica leva consigo, entre outras moitas cousas, ser coñecedor de como se forxou o Estatuto de Autonomía do 36, verdadeiro xermolo do actual de 1981. A exposición consta de oito cadros explicativos.

  • A pegada inmensa de Isaac Díaz Pardo:

Sinxela montaxe audiovisual realizada por GallaeciaFilmes na que dunha maneira sintética se recollen imaxes e textos que nos achegan á figura senlleira do protagonista.

  • Centenario Isaac Díaz Pardo:

Montaxe audiovisual baseada en distintas aparicións de Díaz Pardo en distintos programas da TVG e no documental dedicado á súa figura dirixido por Xosé Abad.

  • Achegamento ao pintor:

Trátase da interpretación dalgunhas das súas obras que o alumnado do IES Isaac Díaz Pardo realizou co gallo da homenaxe que se lle tributou no instituto o 21 de febreiro de 2008.

Xosé Anxo Seoane Cao. Sada, novembro de 2020.

(XA PODES VER AS DÚAS EXPOSICIÓNS NA SECCIÓN "PROXECTOS DIDÁCTICOS")

CENTENARIO DO NACEMENTO DE ISAAC DÍAZ PARDO (Santiago de Compostela, 22/04/1920 - A Coruña, 5/01/2012)

  • Ningún idioma alleo -por ilustre que sexa- poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e gracia do idioma». 
  • A.D.M. RODRÍGUEZ CASTELAO, Sempre en Galiza, 1944.

No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.
¡Qué alegre romaría!
¡Qué risas e contentos!
I os meus ollos en tanto
de bágoas están cheos.
Cubertos de verdura,
brillan os campos frescos,
mentras que a fel amarga
rebosa no meu peito. 

O 30 de setembro de 1906 inaugurase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. En Cuba  naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. 

A comezos do século XX, Castelao fixo unha proposta para o escudo de Galicia, na que incorporaba a frase "Denantes mortos que escravos" (utilizada polos  membros do Terzo dos Galegos de Bos Aires cando se enfrontaron ás tropas inglesas en 1806). 

GALEGOdaestación, Blog de Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña).
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar